'Miradas Emerxentes. Novos Fotógrafos Galegos', nova mostra na Igrexa da Universidade

A obra de cinco fotógrafos galegos que se presentaron ao Festival de Fotografía Olladas’08 exporase a partir deste xoves, 3 de xullo, e ata o 31 do mesmo mes na Igrexa da Universidade. Comisariada por Xurxo Lobato, na exposición participan Maribel Castro, Xosé Durán, Antía Moure, Alberte Peiteavel e Manuel Valcárcel.
‘Miradas Emerxentes. Novos Fotógrafos Galegos’, producida pola Deputación da Coruña, presentouse na mañá deste xoves na propia Igrexa nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres Feijó; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; así como o comisario da mostra e os fotógrafos que participan nela.
Un dos obxectivos e sinais de identidade do Festival de Fotografía Olladas’08 é apostar polos novos talentos que consideran a fotografía como o seu xeito de expresión, de comunicación. Así, os cinco fotógrafos seleccionados, responden a cinco visións diferentes do mundo e que definen tendencias diversas e que sitúan á fotografía galega coas de máis pulso no panorama europeo.
A apertura oficial da mostra ao público desenvolverase ás 20:00 horas deste mesmo xoves cun concerto a cargo do Cuarteto Ephimere, que ten realizado unha intensa labor de divulgación musical dende a súa creación, hai xa sete anos, por catro profesores do Conservatorio de Música de Vigo, todos eles cunha notable bagaxe previa na música de cámara.
Os fotógrafosA mostra aposta por cinco autores que definen as tendencias da fotografía máis actual. Así, con Alberte Peitavel obtemos unha narración que en literatura sería un conto e coa que volta ao clásico ‘pedra e auga’ en Compostela dende unha mirada do século XXI.
Fotodocumentalismo puro e referencias dos grandes reporteiros son as características que definen a obra de Manuel Valcárcel, autor que combina a fotografía coa realización de vídeos. Pola súa banda, Antía Moure define coas súas imaxes a soidade e a memoria evocando espazos do pasado e ofrecendo texturas case táctiles.
A gran urbe como obxectivo de millóns de disparos fotográficos e a soidade compartida por millóns de seres na rúa inspira a Xosé Durán, fotógrafo observador e intimista. Pola contra, son os referentes clásicos da pintura os que inflúen en Maribel Castro que fai un relato secuencial co equívoco do real e o ficticio na vida cotiá, contando historias nas que o visual é unha escusa para a reflexión.