A Guerra Civil e a represión en Galicia, a análise en Sada
No ano da recuperación da memoria histórica, un curso no Campus de Verán de Sada analiza a Guerra Civil e a represión en Galicia. As sesións académicas, organizadas polo Proxecto de Investigación Interuniversitario ‘As vítimas, os nomes e as voces’, celebraranse do 14 ao 18 de xullo cunha carga lectiva de 32 horas.
Dirixido por Emilio F. Grandío, Mª Jesús Souto e Julio Prada, o encontro pretende pór en valor os datos que o Proxecto Interuniversitario leva estudado sobre o fenómeno da represión acontecida en Galicia tras o golpe de estado de xullo de 1936. Por iso, tamén participarán testemuñas que lembran como viviron aquela época.
Os resultados que se presentarán fan referencia ás pescudas obtidas de fontes orais, de documentación existente en diversos arquivos e do procesamento de datos recollidos polo propio equipo. Ademais da comparación con iniciativas similares no Estado, falarase de como a sociedade galega adopta e acepta este tipo de traballos, realizando estudos históricos da realidade universitaria galega e da poboación en xeral.