Skip to main content

Máis de 400 expertos participan no I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia

As xornadas terán lugar a partir do vindeiro luns, día 24, na Facultade de Filoloxía da USC

Un total de 400 expertos internacionais participarán dende o vindeiro luns 24 ata o xoves 27 no I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia que se celebrará na Facultade de Filoloxía da USC co obxectivo de sentar as bases dunha cooperación internacional en áreas como o turismo, o cambio climático, a xestión ambiental municipal ou a conservación da biodiversidade.
As xornadas, organizadas pola USC xunto co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia e a Universidade de A Coruña, darán comezo ás 10:30 horas do luns 24 coa Roda da Xuventude lusófona e galega que presentará o director xeral de Xuventude e Solidaridade, Rubén Cela e na que participarán Fabio Deboni do Programa ‘Juventude pelo Meio Ambiente’ do Ministerio de Educaçao de Brasil e Diosmar Filho, da Rede brasileira de ‘Juventude pelo Meio Ambiente e Sustentabilidade’.
Xa ás 11:30 horas, expertos de Angola, Guinea Bissau, Mozambique, Brasil, Timor Leste, San Tomé, Príncipe, Cabo Verde, Portugal e Galicia debaterán nun encontro os puntos focais lusos e galaicos da educación ambiental. Logo, ás 13:00 horas, celebrarase unha xuntanza dos asistentes ao congreso no Consello da Cultura Galega.
Inauguración oficial
Pola tarde, a Facultade de Filoloxía acollerá ás 16:00 horas a inauguración oficial do congreso. Ao acto asisten a conselleira de Educación, Laura Sánchez; o reitor da USC, Senén Barro; o da Universidade de A Coruña, José María Barja; a responsable de Educación Ambiental do Ministerio de Medio Ambiente, Susana Calvo; o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia, Carlos Vales; e o vicedecano de Filoloxía, Juan Casas.
Deseguido, ás 16:30 horas, a ministra de Meio Ambiente de Brasil, Marina Silva; a súa homóloga de Cabo Verde, Madalena Neves; o ministro de Coordenação da Acção Ambiental de Mozambique, Luciano de Castro; e o ministro de Recursos Naturais e Ambiente da Guinea Bissau, Soáres Sambu, debaterán ás 16:30 horas as políticas de medio ambiente que se están desenvolvendo na actualidade.
Dúas horas máis tarde, constituiranse as áreas de traballo destinadas a profundar na relación entre educación ambiental e biodiversidade, cooperación, turismo, axendas 21, cambio climático, ecofeminismo, universidade, sistema educativo e movementos asociativos. A continuación, ás 20:00 horas, presentarase o proxecto ‘Educação Ambiental na CPLP no Marco da Década da Educação para o Desenvolvemento Sustentável’ e, como peche da primeira xornada, o encontro inclúe a celebración ás 22:00 horas dunha romaría na Alameda de Santiago.
Outras xornadasNas restantes sesións abordaranse outras cuestións como a importancia do mundo lusófono na globalización, as identidades da educación ambiental, a comunicación sobre o cambio climático, o estado da educación ambiental noutros países, a cooperación ou os desafíos educativos da conservación da biodiversidade, entre outros aspectos.
Unha das aspiracións deste congreso internacional é promover o intercambio cultural e de experiencias entre os participantes e a construción dunha identidade lusófono-galega. Por iso, de xeito paralelo ao encontro, organízanse outros espazos culturais abertos a todas as persoas interesadas como son unha romaría popular galega, a proxección de documentais e a mostra dunha exposición fotográfica reveladora da realidade socioambiental dos países lusófonos, titulada ‘Ollando a lusofonía’ e situada na Facultade de Filosofía.
AntecedentesA realización deste evento é resultado dun longo proceso de colaboración e intercambio de experiencias entre autoridades e especialistas ambientais. Por iso, cómpre destacar que no eido lusófono da educación ambiental nunca antes se celebrou un evento desta magnitude, aínda que, estas relacións previas permitiron descubrir as afinidades culturais e lingüísticas comúns aos países participantes no encontro.

The contents of this page were updated on 09.21.2007.