Skip to main content

O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia abriu coa análise da relación entre xuventude e medio ambiente

O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia comezou coa Roda da Xuventude lusófona e galega
O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia comezou coa Roda da Xuventude lusófona e galega

O I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia comezou este luns 24 coa Roda da Xuventude lusófona e galega na que se analizou a actual relación entre xuventude e medio ambiente. O director xeral de Xuventude e Solidaridade, Rubén Cela, dirixiu este acto no que participaron Fabio Deboni do Programa ‘Juventude pelo Meio Ambiente’ do Ministerio de Educaçao de Brasil, e Diosmar Filho, da Rede brasileira de ‘Juventude pelo Meio Ambiente e Sustentabilidade’ para establecer futuros proxectos de cooperación entre os países lusófonos e Galicia.
Esta primeira sesión matinal continuou no Consello da Cultura Galega onde se reuniron os principais expertos e representantes de Angola, Guinea Bissau, Mozambique, Brasil, Timor Leste, San Tomé, Príncipe, Cabo Verde, Portugal e Galicia para debater os puntos focais lusos e galaicos da educación ambiental. Nesta xuntanza participaron o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia, Carlos Vales.
As xornadas, que se desenvolverán ata o vindeiro xoves 27 na Facultade de Filoloxía, organízaas a USC xunto co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia e a Universidade de A Coruña co obxectivo de sentar as bases dunha cooperación internacional en áreas como o turismo, o cambio climático, a xestión ambiental municipal ou a conservación da biodiversidade.
Presentación oficialXa pola tarde, a Facultade de Filoloxía acolle ás 16:00 horas a inauguración oficial do congreso. Ao acto asisten a conselleira de Educación, Laura Sánchez; o reitor da USC, Senén Barro; o da Universidade de A Coruña, José María Barja; a responsable de Educación Ambiental do Ministerio de Medio Ambiente, Susana Calvo; o vicedecano de Filoloxía, Juan Casas e Carlos Vales.
Deseguido, ás 16:30 horas, a ministra de Meio Ambiente de Brasil, Marina Silva; a súa homóloga de Cabo Verde, Madalena Neves; o ministro de Coordenação da Acção Ambiental de Mozambique, Luciano de Castro; e o ministro de Recursos Naturais e Ambiente da Guinea Bissau, Soáres Sambu, debaten as políticas de medio ambiente que se están a desenvolver na actualidade.
Dúas horas máis tarde, constitúense as áreas de traballo destinadas a profundar na relación entre educación ambiental e biodiversidade, cooperación, turismo, axendas 21, cambio climático, ecofeminismo, universidade, sistema educativo e movementos asociativos. Despois, ás 20:00 horas, presentarase o proxecto ‘Educação Ambiental na CPLP no Marco da Década da Educação para o Desenvolvemento Sustentável’ e, como peche da primeira xornada, o encontro inclúe a celebración ás 22:00 horas dunha romaría na Alameda de Santiago.
A sesión do martes 25 abrirá ás 9:30 horas abordando o mundo lusófono na globalización. O debate, moderado pola profesora da USC Margarita Ledo, contará coa participación do presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, e o profesor da Universidade Autónoma de Lisboa, Luís Moita. Logo, ás 12:00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre comunicación e cambio climático.
Pola tarde, ás 16:00 horas, profundarase no estado da educación ambiental en Brasil, Angola e Timor Occidental e, ás 20:30 horas, presentarase o III Seminario Compostela de Investigación en Educación Ambiental.
Outras xornadasNo transcurso das xornadas do mércores e xoves abordaranse aspectos como os vínculos entre medio ambiente e globalización, desafíos educativos da conservación da biodiversidade, investigación en educación ambiental, cooperación ou o estado da educación ambiental en zonas como Galicia, Cabo Verde, Mozambique, Portugal, Guinea Bissau, San Tomé e Príncipe, entre outras moitas cuestións.
Unha das aspiracións deste congreso internacional é promover o intercambio cultural e de experiencias entre os participantes e a construción dunha identidade lusófono-galega. Por iso, de xeito paralelo ao encontro, organízanse outros espazos culturais abertos a todas as persoas interesadas como son unha romaría popular galega, a proxección de documentais e a mostra dunha exposición fotográfica reveladora da realidade socioambiental dos países lusófonos, titulada ‘Ollando a lusofonía’ e situada na Facultade de Filosofía.

The contents of this page were updated on 09.24.2007.