Skip to main content

A comunidade universitaria da USC conta cun Proxecto Ético Global

Aprobouse este xoves no Claustro Universitario

O Claustro Universitario aprobou este xoves o Proxecto Ético Global da USC con 88 votos a favor, 16 en contra e 30 en branco, e o compromiso de que a comisión redactora acade unha maior concreción terminolóxica do documento, que hoxe presentaron o valedor da Comunidade Universitaria, Florencio Arce, e o decano da Facultade de Filosofía, Luis Modesto Garcia Soto.
O proxecto reúne un conxunto de principios, valores e normas referidos á actividade interna e á acción social da universidade, que expresan padróns morais de actuación aptos para servir como pautas reguladoras da práctica individual e colectiva.
A aprobación e adopción do Proxecto Ético Global serviralle á USC como carta de presentación perante a sociedade, mostrando o sentido e as liñas xerais da actividade e a acción da universidade, así como concluír un triplo compromiso ético, da universidade coa sociedade, da universidade co persoal universitario e entre o persoal universitario, no relativo aos obxectivos e procedementos asumidos pola institución académica. Finalmente, o documento permitirá ofrecer á comunidade universitaria unha guía de actuación que sintetice e exprese en termos éticos o cadro regulamentario e legal vixente e que inspire e estimule o seu desenvolvemento.
O proxecto aprobado polo Claustro está articulado nunha serie de epígrafes nos que se afonda na organización, actividade interna, funcionamento e acción social da Universidade; no exercicio das funcións, boas prácticas, dedicación ao traballo e condutas reprobables do persoal universitario, entre outros.

The contents of this page were updated on 05.31.2007.