Skip to main content

Federico Mayor Zaragoza inaugura este xoves os XXII Encontros de Educación para a Paz

O Seminario Galego de Educación para a Paz organiza unha nova edición dos seus encontros baixo o lema 'Educar para a Cidadanía e os Dereitos Humanos'

O presidente da Fundación Cultura de Paz e codirector do Grupo de Alto Nivel de Nacións Unidas para a Alianza de Civilizacións, Federico Mayor Zaragoza, serán quen inaugure este xoves, 1 de marzo, na Facultade de Ciencias da Comunicación os XXII Encontros de Educación para a Paz. O ex director xeral da UNESCO pronunciará ás 18:30 horas a conferencia ‘Educación, cidadanía e dereitos humanos na Alianza de Civilizacións’, logo da apertura oficial do encontro que terá lugar ás 18:00 horas e á que asiste o reitor compostelán, Senén Barro.
Nesta edición dos Encontros, que levan por lema ‘Educar para a Cidadanía e os Dereitos Humanos’, darase a coñecer o currículo da nova materia Educación para a Cidadanía destinada aos estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato. As xornadas, que terán lugar ata o 3 de marzo, pretenden servir de foro de diálogo e de intercambio de experiencias educativas entre profesores, alumnos, organizacións non lucrativas e a sociedade en xeral.
Tras a conferencia de Mayor Zaragoza intervirá ás 20:00 horas o secretario de Estado de Educación, Alejandro Tiana, para explicar como se contempla na nova Lei Orgánica de Educación a posta en marcha da materia ‘Educación para a Cidadanía’.
Vindeiros díasOs actos de segunda sesión, do venres 2 de marzo, abrirán ás 18:00 horas cunha mesa redonda sobre participación, calidade do ensino e cidadanía na que participarán a presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro, e a vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia, Milagros Blanco. Despois, o catedrático de Dereito Eclesiástico do Estado na Universidade Complutense de Madrid, Dionisio Llamazares, profundará nas cuestións da aconfesionalidade, o laicismo e a cidadanía democrática.
A última xornada do sábado dará comezo ás 10:00 horas con varios obradoiros simultáneos nos que se explicarán algunhas experiencias prácticas de convivencia democrática realizadas en centros educativos galegos. Pola tarde seguirase cunha mesa redonda na que se analizarán os enfoques para o currículo da nova materia ‘Educación para a Cidadanía’. Deseguido, a catedrática de Filosofía Moral e Política da USC, María Xosé Agra Romero, pronunciará a conferencia de clausura “Convivencia e Cidadanía”.

The contents of this page were updated on 02.28.2007.