O Banco de Xermoplasma da USC será o primeiro en conservar sementes de especies ameazadas da flora galega
O Banco de Xermoplasma da Universidade de Santiago, a través dun convenio coa Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, será o primeiro en conservar sementes de especies ameazadas, raras ou vulnerables pertencentes á flora galega. Este banco, situado no Laboratorio de Botánica da Facultade de Farmacia, oriéntase á conservación de distintos elementos vexetais, como células, tecidos ou órganos, que permitirán a rexeneración futura das plantas con fins produtivos ou medio ambientais.
Creado en 1997 grazas á labor do seu actual director, Jesús Izco Sevillano, o Banco de Xermoplasma da USC almacena especies vexetais a través da aplicación de frío ou mediante a deshidratación das sementes. O traballo consiste na recollida de sementes saudables, sen afectar á capacidade de reprodución da poboación, limpalas e logo desecalas ata alcanzar entre un 5 ou 8 por cento de humidade. A conservación das sementes lévase a cabo usando determinadas substancias químicas e introducíndoas en recipientes herméticos para evitar a súa hidratación posterior.
Os responsables deste banco de xermoplasma diferencian as sementes de vida media, que durarán en bo estado un máximo de vinte anos a unha temperatura de entre 4 e 5 graos, das de vida longa, que se conservarán ao redor de 50 anos a uns 20 vinte graos baixo cero de temperatura. O tempo de conservación das distintas plantas depende dos obxectivos da súa recolección.
Especies que conservaÁ marxe das máis de 250 mostras de especies galegas, o banco conserva todo tipo de plantas entre as que destaca a copia da colección de especies crucíferas, familia á que pertence o grelo, do banco homólogo da Escola Superior de Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid. Boa parte das especies galegas gardadas neste departamento compostelán forman parte do xénero Erica, coma son os breixos, urces e queirugas galegos.
Este banco da Universidade de Santiago, integrado no Xardín Botánico de Galicia xunto co Herbario SANT da USC, forma parte da Asociación Ibero-Macaronésica de Xardíns Botánicos que ten como obxectivo principal fomentar a colaboración entre este tipo de institucións, promovendo e coordinando proxectos comúns de actuación. Esta agrupación tamén impulsa o intercambio de coñecementos, experiencias, documentación e material vexetal.