Skip to main content

O Instituto Mixto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural trasladarase ao edificio 'A Granxa'

O reitor da USC, Senén Barro; o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández; o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal;  e o presidente da Deputación...
O reitor da USC, Senén Barro; o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández; o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; e o presidente da Deputación...
Medio Ambiente, Medio Rural, a Deputación Provincial de Lugo e a USC asinaron un convenio para o acondicionamento da nova sede

O Instituto Mixto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) trasladarase ao edificio ‘A Granxa’, situado entre a Facultade de Empresariais e o Hospital Clínico Rof Codina e que foi cedido pola Deputación Provincial de Lugo. Para o acondicionamento das instalacións a Universidade de Santiago, as Consellarías de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e de Medio Rural e a Deputación Provincial asinaron este xoves un convenio de colaboración.
Ao acto, celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, asistiron o reitor da USC, Senén Barro; o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez Fernández; o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal; e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Francisco Cacharro Pardo.
O edificio, que xa conta cun proxecto básico de restauración, dispón de dúas plantas que suman case 400 m2 de superficie útil e que albergarán instalacións como un espazo de exposicións para as investigacións realizadas polo Instituto, salas de reunións e traballo e os correspondentes despachos. As entidades asinantes do convenio participarán en partes iguais no orzamento das obras que supón un total de máis de 500.000 euros.
IbaderO Instituto Mixto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural foi creado entre a USC, as Consellarías de Medio Rural e de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e a Deputación Provincial de Lugo en 2001, e na actualidade está situado na Facultade de Veterinaria.
Ademais de actividades docentes e de formación, entre os seus obxectivos principais atópase o desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da biodiversidade, os sistemas de produción agrícola, gandeira e forestal e o desenvolvemento rural. Realiza labores de asesoramento técnico a entidades, asociacións e empresas vinculadas co sector, tratando de potenciar novos mercados de traballo para os alumnos das titulacións relacionadas.

The contents of this page were updated on 06.28.2007.