Skip to main content

A USC ofrece preto de 50 bolsas na segunda fase do proxecto Europracticum III

O programa facilita que os titulados da universidade compostelá completen a súa formación traballando en empresas europeas

Dirixido aos titulados da USC que desexen facer prácticas profesionais en empresas e institucións da Unión Europea, o Consello Social e a Área de Orientación e Inserción Laboral do Campus de Lugo da USC presentaron este martes, día 27, a segunda fase de inscrición no proxecto Europracticum III (2006-2008). Das 104 bolsas convocadas nesta terceira edición, a universidade compostelá ofrece aos interesados preto de 50 prazas.
Ao acto asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro Rodríguez; e o secretario do Consello Social, José Benigno Carril Pérez. Durante a presentación, Carlos Herrero destacou que moitos dos participantes neste programa foron contratados pola empresa estranxeira e que, en xeral, estas prácticas facilitábanlle aos participantes a súa inserción no mercado laboral. Na mesma liña, José Benigno Carril concretou que preto dun 10% dos bolseiros recibiron unha oferta de traballo na mesma empresa onde fixeron as prácticas.
Enmarcada dentro dos programas de mobilidade Leonardo da Vinci da Comunidade Económica Europea, a iniciativa pretende que os titulados da USC completen a súa formación traballando en empresas europeas. Celia Besteiro informou na presentación que o prazo para participar neste programa estará aberto ata o vindeiro 15 de abril e pode facerse, ademais das canles tradicionais, a través da páxina web da USC.
Bolsas EuropracticumAs bolsas Europracticum, das que un 30% son para estudantes que contactan eles mesmos coa empresa na que queren traballar, están dotadas con 2.559,55 euros, dos que 575 son para desprazamento e o resto para aloxamento e manutención. Ademais desta axuda económica, a Xunta de Galicia aboará, a partir da actual edición, preto de 600 euros aos bolseiros que completen o período de prácticas no estranxeiro. Estas bolsas son incompatibles con outras axudas financiadas pola Comunidade Europea pero non coa remuneración voluntaria que puidera ofrecer a empresa.
As prácticas terán unha duración de seis meses e a Universidade de Santiago colaborará na supervisión do seu desenvolvemento. O secretario do Consello Social da USC lembrou que para participar os interesados non deberán posuír experiencia laboral relacionada coa titulación durante máis dun ano, coñecer o idioma do país de destino, saber de informática e non ter gozado doutra bolsa do Programa Leonardo da Vinci.
Celia Besteiro explicou que, despois da inscrición no programa, os estudantes egresados deberán pasar unha proba de idiomas e un curso de preparación pedagóxica que se convocará a mediados de abril. A continuación, os seleccionados serán entrevistados e, se as empresas están interesadas nos candidatos, comezarán a traballar entre xuño de 2007 e maio de 2008. Os beneficiarios deste programa poderán desenvolver as prácticas en Alemaña, Austria, Bélxica, Grecia, Francia, Holanda, Reino Unido, Irlanda, Italia, Polonia e Portugal.
Áreas preferentesAínda que o programa Europracticum está dirixido a todos os titulados pola USC, o secretario do Consello Social afirmou que as empresas soen mostran maior interese polos licenciados en Dereito, Economía ou Bioloxía e polos diplomados en Relacións Laborais e Administración de Empresas. Asemade, José Benigno Carril indicou que a USC non só pretende promover unha experiencia laboral, senón tamén o crecemento persoal do bolseiro mediante o coñecemento de novas linguas e culturas.
Durante o acto de presentación do programa, Carlos Herrero subliñou a boa xestión do programa que foi valorada pola Axencia Nacional Leonardo cunha avaliación preto da excelencia. Por iso, os responsables deste programa manterán os mesmos requisitos para xestionar esta segunda fase do Europracticum III.

The contents of this page were updated on 02.27.2007.