Agacom celebra en Santiago o seu I congreso internacional para tratar sobre as novas tecnoloxías na comunicación
A Asociación Galega de Investigadoras e Investigadores en Comunicación (Agacom) celebrará os días 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela o Congreso fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que leva por título ‘I+C Investigar la comunicación’.
Este primeiro congreso da AE-IC é un evento de carácter internacional no que xa están inscritas 400 persoas e que reunirá a estudiosos da comunicación como o arxentino Néstor García Canclini, que pronunciará a conferencia inaugural, ademais da peruana Tesa Quiroz, Raúl Trejo, Tapio Varis, Erik Torrico, Margarita Ledo ou Mariano Cebrián Herreros.
As novas tecnoloxías e a sociedade da información será o eixo principal deste congreso, no que se abondará sobre a relación entre investigación en comunicación e democracia, as políticas de comunicación e cultura, a sociedade da información e as novas tecnoloxías, a creatividade e a produción de contidos.
O prazo de inscrición para participar neste congreso está aberto e pode realizarse a través da web da asociación, www.agacom.org, ou enviando un correo electrónico á dirección agacom [at] agacom.org (agacom[at]agacom[dot]org).
Agacom está integrado por doutores, licenciados e investigadores en Ciencias da Información e da Comunicación que teñen como obxectivo estimular, promover e potenciar a investigación e contribuír a fortalecer as relacións entre investigadores deste campo. De feito, para acadar estes obxectivos, esta asociación realiza diversas actividades como a organización e realización de xornadas científicas, simposios e congresos, cursos, seminarios e mesas.