Skip to main content

Novos avances na Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas

Os proxectos da Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas, que cumpre neste mes o seu primeiro ano de existencia, foron tema de debate na reunión do Consello Asesor Internacional de Universia (CAI), que se celebrou esta semana en Miami.
Marius Rubiralta, reitor da Universitat de Barcelona e presidente desta Rede, explicou na súa intervención que as universidades participantes na iniciativa están axudando ao crecemento económico en Iberoamérica e á mellora do benestar social, xa que a súa principal misión é a creación dun tecido empresarial na rexión a partir dos resultados da investigación universitaria. Para logralo, traballan en distintos proxectos para concienciar á comunidade universitaria na denominada "terceira misión" da Universidade (xunto coa educación e a investigación), aquela a través da que transformar o coñecemento xerado a través da I+D en desenvolvemento económico e social.
Forman esta rede as universidades de Barcelona, Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, de Cantabria, Pontificia Universidade Católica de Chile, Universidade Federal de São Paulo, Universidade Nacional Autónoma de México e o Instituto Tecnolóxico de Monterrey. Tamén está implicado no proxecto o Banco Santander, da man da División Global Santander Universidades.
Aproveitando o seu alcance xeográfico, as institucións participantes traballan para avanzar en distintos programas para a difusión da cultura emprendedora, para a formación de universitarios e a investigación nesta materia, para compartir as mellores prácticas de cada universidade en creación de empresas, e para desenvolver unha rede de viveiros de empresas, entre outros obxectivos.
O Consello Asesor Internacional de Universia analizou durante a reunión celebrada en Miami os datos máis relevantes da rede universitaria e debateu sobre as liñas de actuación previstas para a rede no trienio 2008-2010. Fíxose ademais especial mención á importancia das publicacións científicas impulsadas pola rede universitaria -Universia Knowledge@Wharton, Universia Business Review, e Globalización, Competitividad y Gobernabilidad.
Este Consello Asesor é un órgano consultivo creado en xuño de 2003 para consolidar a internacionalización da rede Universia mediante o seguimento do proxecto, a análise das súas fortalezas e debilidades e a formulación de liñas globais de actuación. O seu obxectivo é axudar a Universia a superar un dos seus desafíos más importantes, a súa dimensión supranacional, xa que a rede universitaria satisface as demandas da comunidade universitaria de cada país en que está presente -España, Portugal, Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, México, Perú, Porto Rico, Venezuela e Uruguai-, así como necesidades máis globais.
Presidido por Emilio Botín, presidente de Banco Santander e de Universia, o CAI atópase integrado por representantes dos consellos de administración de Universia nos países en que está presente, como os reitores Suely Vilela, da Universidad de Sao Paulo (Brasil); Pedro Pablo Rosso, da Pontificia Universia Católica (Chile); Carlos Angulo, da Universidade dos Andes de Bogotá (Colombia); Antonio García Padilla, da Universidade de Porto Rico; José I. Moreno, da Universidade Metropolitana de Venezuela; Fernando Seabra Santos, da Universidade de Coimbra (Portugal); e Luis Bustamante, da Universidade de Ciencias Aplicadas (Perú).

The contents of this page were updated on 12.21.2007.