Skip to main content

A preinscrición no Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneos remata este venres

Representantes das entidades colaboradoras no Máster asistiron á presentación na Facultade de Xeografía e Historia
Representantes das entidades colaboradoras no Máster asistiron á presentación na Facultade de Xeografía e Historia

Formar profesionais especializados nas necesidades reais da demanda laboral que existe por parte das institucións públicas do mundo da arte é o cometido do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneos da USC cuxo prazo de preinscrición remata este venres, día 28. Os detalles presentáronos este luns en rolda de prensa o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o director do CGAC, Manuel Olveira; e a catedrática de Historia da Arte María Luisa Sobrino, co directora do posgrao xunto con Federico López Silvestre.
Ao acto, que foi presentado polo director do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF), José Luis Falguera, asistiron tamén representantes dalgunhas outras entidades e institucións que apoian o Máster como as Direccións Xerais de Fomento e Calidade da Vivenda e de Creación e Difusión Cultural, a Fundación Caixa Galicia, Barklays e a Fundación FEIMA de apoio á arte galega en Madrid, “colaboración que dá proba do interese deste posgrao”, como puxo de manifesto o propio director do CPTF.
O máster céntrase no ámbito de coñecemento específico da arte das últimas décadas, abarcando dende aspectos conceptuais e prácticos sobre a crítica, ata o mundo dos museos e as exposicións, a súa xestión, produción e montaxe, didáctica e demais actividades que acheguen a arte á sociedade actual. Poderán acceder a el licenciados ou diplomados en Historia da Arte, Historia, Xeografía, Filosofía, Filoloxía, Humanidades, Ciencias da Comunicación, Socioloxía, Belas Artes e Arquitectura ou ben profesionais do sector con acreditada experiencia.
Módulos específicosAs clases desenvolveranse na USC e no CGAC dende o 15 de novembro de 2007 ao 20 de setembro de 2008 estruturadas en varios módulos. Por un lado, no dedicado á creación contemporánea levarase a cabo una revisión histórica da evolución da arquitectura e das artes plásticas nos seus principais movementos con especial atención a cuestións de deseño, artes visuais e creación en espazos públicos. No módulo sobre crítica e estética ofreceranse a través dos textos máis influentes as ferramentas conceptuais e técnicas básicas para a interpretación profesional da obra.
Xa a terceira parte centrarase no estudo de lexislación, dirección, documentación, conservación e rexistro, comisariado, programas pedagóxicos, técnicas de montaxe, produción, realización e xestión de proxectos expositivos para museos e institucións de arte contemporánea.
Para a obtención do grado de Máster ou de Especialista e necesario realizar o prácticum, que pode ser un proxecto expositivo para espazos concretos, un ensaio de crítica de arte ou un programa pedagóxico. Existe ademais a posibilidade de obter o título de Especialista en Arte e Crítica Contemporáneas ou en Arte e Museoloxía Contemporánea, cursando algunha parte dos módulos.

The contents of this page were updated on 09.24.2007.