Skip to main content

A USC honra a memoria do seu profesorado e persoal represaliado entre 1936 e 1940

O profesorado, estudantes e persoal da Universidade de Santiago represaliado entre 1936 e 1940 recibirá este mércores, día 14, unha homenaxe para honrar a súa memoria. No acto, que se celebrará ás 12:00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), entregaráselle aos familiares unhas medallas conmemorativas.
O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, será o encargado de abrir a cerimonia, a quen lle seguirán na quenda de intervencións o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, e o autor do libro Ciencia e Conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Ricardo Gurriarán, un dos responsables, xunto co equipo de investigación da USC ‘Voces, nomes e lugares’, de recompilar a listaxe e documentación acerca do proceso de depuración na USC.
Tras a entrega das medallas conmemorativas, intervirá en representación dos familiares dos represaliados Nuria Calvet, filla de Fernando Calvet Prats (1903-1988), catedrático de Química orgánica da USC. O acto rematará coa actuación do grupo musical Marful.
Acto de xustizaEsta homenaxe, á que asistiran preto dun cento de familiares do persoal represaliado chegados de varios países, pretende ser un acto de xustiza con todo o profesorado e persoal da Universidade de Santiago “depurado” tras o Golpe de Estado de 1936. Os procesos depuradores provocaron un afastamento definitivo da docencia, o exilio e, en definitiva, unha irreparable perda para a institución universitaria ao excluír un capital humano e científico de gran potencialidade.
Foron en total 44 profesores e cinco traballadores da administración e servizos os represaliados da USC. Pero tamén se pretende render homenaxe a profesores doutras universidades que con anterioridade impartiran docencia en Compostela e aos que sendo galegos pero traballando noutras institucións españolas sufriron represión ou exilio tras a Sublevación de 1936.

The contents of this page were updated on 03.13.2007.