Skip to main content

Jaime Gómez Márquez tomou posesión como decano de Bioloxía

Numeroso público deuse cita no Salón de Graos do Colexio de San Xerome na toma de posesión do decano de Bioloxía
Numeroso público deuse cita no Salón de Graos do Colexio de San Xerome na toma de posesión do decano de Bioloxía

O catedrático Jaime Gómez Márquez tomou posesión este martes como decano da Facultade de Bioloxía da USC nun acto protocolario celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome baixo a presidencia do reitor Senén Barro. Gómez Márquez resultou reelixido decano nas eleccións celebradas o pasado mes de outubro cunha candidatura na que lle acompañan as profesoras M.ª Luz González Caamaño e Ana M.ª Viñas Díaz como vicedecanas, e o profesor Javier Iglesias Piñeiro como secretario.
En referencia á vinculación da Facultade de Bioloxía co seu entorno social, o decano destacou no acto o traballo realizado a prol da proxección externa da labor docente e investigadora realizada no centro. Así, referiuse ao ciclo ‘Investigación nas aulas’ e á exposición fotográfica elaborada co material recollido das investigación que se realizan na Facultade.
En opinión de Gómez Márquez, os vindeiros anos serán cruciais para o centro pois será o período no que se deba abordar un novo plan de estudos do Grao en Bioloxía así como comezar a implantación dos máster oficiais. Trátase dun reto que debe acometerse “de acordo coa nosa potencialidade docente e investigadora e coas demandas da sociedade”. Neste senso, Jaime Gómez expresou a súa vontade de facer posgraos de carácter interfacultativo e interuniversitarios. Tamén con respecto á integración no Espazo Europeo de Educación Superior, o profesor Gómez Márquez destacou que Bioloxía “foi unha das primeiras que iniciou en Galicia a implantación dos créditos ECTS”.
En outra orde de cousas, no acto protocolario o decano mostrouse crítico co feito de que dos dez expertos que compoñen a comisión que definirá as liñas investigadoras do futuro Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida (CITEV), centro mixto CSIC-USC, só un sexa biólogo. “Nin é xusta nin lóxica esta marxinación”, manifestou.
As obras de reforma da Facultade centraron tamén parte do discurso do decano, a quen o reitor lle asegurou que estas darán comezo en breve cunha inversión de 22 milóns de euros. Finalmente, o profesor Gómez reclamou que o Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (CIBUS) se integre na Facultade de Bioloxía, habida conta de que “a concepción final do CIBUS está directamente relacionada coa busca de solucións aos problemas de espazo e seguridade da nosa facultade”, afirmou. A este respecto, o reitor aclaroulle que os Departamentos do centro que se integren no CIBUS, “nuns meses o máis importante centro de investigación da USC cunha inversión de 11’5 millóns de euros”, continuarán a pertencer á Facultade.
Jaime Gómez MázquezJaime Gómez Márquez estudou Bioloxía na USC, onde realizou a súa tese de doutoramento sobre a bioloxía molecular da Timosina. Durante unha estadía posdoutoral (1981-1984) no Laboratorio de Medicina Oral do National Institutes of Health (Bethesda, Maryland, USA) investigou sobre os mecanismos moleculares da latencia do virus Herpes simplex tipo 1 (HSV-1) e a relación entre o HSV-1 e o oncoxén humano ras. Dende o seu retorno á USC a finais de 1984, foi pioneiro en Galicia en aplicar as técnicas de Enxeñaría Xenética á investigación en Bioloxía Molecular.
Na actualidade é catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular adscrito á Facultade de Bioloxía e investiga sobre os minisatélites do xenoma humano. Director de doce teses de doutoramento e investigador principal de proxectos financiados polo MEC, o FIS e a Xunta de Galicia, publicou un total de corenta artigos científicos en revistas internacionais. Foi tamén coordinador da materia Bioloxía para as Probas de Acceso á Universidade en Galicia e dos estudos de Bioloxía para a implantación do Espazo Europeo de Ensinanza Superior nas universidades galegas nun proxecto dirixido pola ACSUG. Finalmente, foi secretario da Conferencia Española de Decanos de Bioloxía.

The contents of this page were updated on 03.13.2007.