Recoñecemento internacional ao decano de Bioloxía, convidado a participar en Estados Unidos nun simposio sobre as timosinas
O catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular e actual decano de Bioloxía da USC, Jaime Gómez Márquez, participará como conferenciante convidado no I International Symposium on Thymosins in Health and Disease que terá lugar esta semana na Facultade de Medicina da Universidade George Washington, en Washington D.C. (EE.UU.).
O decano foi convidado polo profesor Allan Goldstein, organizador do simposio, que quixo contar con figuras destacadas internacionalmente no campo das timosinas. Goldstein ten recoñecido publicamente e durante moitos anos o traballo do catedrático compostelán, cuxos estudos foron fundamentais no desenvolvemento da investigación con estas proteínas, sendo un dos científicos máis prestixiosos neste campo no eido internacional.
A conferencia que Gómez Márquez pronunciará o 22 de marzo levará por título ‘Prothymosin α in relation to chromatin decondesation and the role of β-thymosins in synaptic plasticity’. As achegas principais do profesor Gómez neste campo resúmense no estudo da bioloxía molecular da Protimosina alfa (expresión xénica durante a proliferación e a diferenciación celular, localización nuclear e función biolóxica como remodeladora da cromatina) e na análise da expresión das beta-timosinas no sistema nervioso de mamíferos e a súa relación coa plasticidade sináptica.
Gómez Márquez, cunha sólida traxectoria científica avalada polas súas publicacións en revistas de alto índice de impacto, doutorouse en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Tras un período de tres anos de estadía posdoutoral (1981-1984) no Laboratory of Oral Medicine pertencente ao National Institute of Health (Bethesda, Maryland, USA), onde investigou nos mecanismos da latencia do virus Herpes simplex tipo 1, regresou á Facultade de Bioloxía da USC. No centro compostelán, entre outras achegas, puxo a punto un método para a purificación de plásmidos que aparece recollido no manual máis importante de Enxeñaría Xenética (Molecular Cloning, editado por CSH) e dedicouse principalmente ao estudo da protimosina alfa e das beta-timosinas. Actualmente abríu unha nova liña de investigación centrada no estudo estrutural e funcional dalgúns minisatélites do xenoma humano e a súa dinámica evolutiva.
Figura atípica dentro do complexo mundo da ciencia, o profesor Gómez Márquez é un investigador que aposta firmemente pola investigación básica, da que di que é “o máis sólido cimento para o avance do coñecemento e o desenvolvemento da investigación aplicada”.