A USC acolle o primeiro campionato de xadrez no que participarán membros das tres universidades galegas
A Área de Deportes, dependente da Vicerreitoría de Cultura da USC, organiza a primeira edición do Campionato Galego universitario de Xadrez no que participan membros das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña. As partidas terán lugar no Centro de Estudos Avanzados o vindeiro xoves, día 22, de 16:30 a 21:30 horas, e o venres, día 23, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas.
Realizado en colaboración coa Xunta de Galicia e as outras universidades galegas, este campionato dividirase en dúas fases para diferenciar aos xadrecistas federados dos afeccionados. Deste xeito, na primeira das competicións medirase a calidade do xogo entre contrincantes segundo o sistema internacional de puntuación Elo.
O campionato, no que participarán estudantes, docentes e PAS das tres universidades galegas, seguirá o sistema e ritmo de xogo suízo baseado en partidas de 30 minutos con 30 segundos por xogada. O comité de competición nomearase na xornada inaugural e estará formado por tres xogadores, un de cada universidade, e varios árbitros. Os dous primeiros estudantes da USC clasificados xogarán no Campionato de España universitario de xadrez.