A Residencia Universitaria Burgo das Nacións acolle unha mostra sobre plantas medicinais en Galicia
A Sala das Catacumbas da Residencia Universitaria Burgo das Nacións acolle ata o 31 de marzo a exposición ‘As plantas medicinais e os seus usos’, organizada polo Grupo de Estudo de Animais Salvaxes da Facultade de Bioloxía da USC.
A mostra, que trata de dar a coñecer as plantas medicinais de Galicia e concienciar da súa importante conservación, componse de varios paneis onde se amosan mostras de plantas recollidas en fragas de Galicia coa explicación das súas características, zonas nas que se atopa, usos domésticos e nome científico, entre outras cuestións.
O Grupo de Estudos de Animais Salvaxes está composto por preto de sesenta persoas, entre eles estudantes e licenciados da Facultade de Bioloxía, que, ademais destas actividades, organizan cursos de formación e editan, dende hai xa catro anos, a revista Hiotis.