Skip to main content

A interacción entre bioloxía e matemáticas, tema dunha conferencia no Campus de Santiago

O profesor José Antonio Álvarez Dios, do Departamento de Matemática Aplicada da Facultade de Matemáticas da USC, impartirá o luns, día 26, unha conferencia na que reflexionará sobre as diversas maneiras en que as matemáticas e a bioloxía teñen ido da man a longo da súa historia.
A conferencia ‘Matemáticas e Bioloxía: interaccións pasadas, presentes e futuras’, enmarcada no ciclo ‘Unha Andaina pola Matemática’, desenvolverase ás 17:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas.
Cuestións como as aplicacións ao estudo de poboacións ou traballos como a organización social das abellas e a publicación do mapa xenético do rodaballo trataranse nesta charla. O profesor Álvarez Dios establecerá ademais comparacións entre a maneira na que a física e as matemáticas se influíron mutuamente e se dita influencia é extrapolable ao momento actual das matemáticas e a bioloxía.
Na súa intervención falará tamén do momento presente da bioinformática e dos problemas clave que se resolverán no futuro, ademais de ofrecer exemplos de teoremas matemáticos xurdidos da bioloxía.

The contents of this page were updated on 03.23.2007.