Skip to main content

Bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria da USC visitaron o parque eólico experimental de Sotavento

Os bolseiros da USC nas instalacións do parque eólico experimental de Sotavento
Os bolseiros da USC nas instalacións do parque eólico experimental de Sotavento

Os bolseiros de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria visitaron o parque eólico experimental de Sotavento, situado na comarca da Serra da Loba. Coa actividade, programada dende a coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, pretendíase dar a coñecer a estes alumnos as principais tecnoloxías para a obtención de enerxía a partir de fontes renovables e concienciar sobre a necesidade dun cambio de hábitos nos fogares e así acadar maior aforro de enerxía.
Dende 1997 o parque eólico de Sotavento coordina iniciativas públicas e privadas nun proxecto onde se representan as tecnoloxías eólicas implantadas en Galicia. Na actualidade investigan outras enerxías renovables como a solar (térmica e fotovoltaica), fomentan cultivos enerxéticos e proximamente comezarán experiencias pilotos de obtención de enerxía a partires do hidróxeno.
Durante a estadía os universitarios visitaron a aula divulgativa, o taller de enerxía onde se expón un aeroxerador real e paneis con tubos colectores térmicos, a sala de eficiencia enerxética e o auditorio, cunha exposición sobre o cambio climático. A actividade completouse cunha marcha polos diferentes aeroxeradores instalados no parque.

The contents of this page were updated on 03.27.2007.