Skip to main content

O profesor Xosé Manuel Sabucedo Cameselle, Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social

Xosé Manuel Sabucedo Cameselle, Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social
Xosé Manuel Sabucedo Cameselle, Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social
A investigadora do Idega María Luz Loureiros, recoñecida na categoría de investigadores mozos

A Consellaría de Innovación e Industria vén de conceder o Premio Eugenio Montero Ríos de Investigación Social na categoría senior ao profesor da USC Xosé Manuel Sabucedo Cameselle pola súa dilatada traxectoria como investigador en materia de Psicoloxía Social e Política. Ademais, decidiu premiar na categoría de investigadores mozos a María Luz Loureiro García, especialista en recursos naturais, medioambientais e agrarios.
Cos Premios Eugenio Montero Ríos de Investigación Social, enmarcados na convocatoria dos Premios Galicia de Investigación, a Consellaría de Innovación e Industria recoñece o traballo de investigadores galegos de recoñecido prestixio para deste xeito incentivar a investigación e recompensar o seu traballo.
O profesor Sabucedo recibe este recoñecemento tras vintecinco anos de labor investigadora en materia de Psicoloxía Social e Política. Licenciado e doutor en Psicoloxía pola USC, en 1993 acadou o grao de catedrático. Forma parte do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Facultade de Psicoloxía, da que foi decano, e participou como relator en numerosos congresos, comités científicos de encontros internacionais e consellos editoriais de revistas especializadas en Psicoloxía. O seu traballo deu lugar á publicación de vintedous libros, aos que hai que engadir arredor de cen publicacións de artigos e capítulos de libros.
A participación política da poboación, os movementos sociais, o comportamento social da xente nova, a violencia ou o racismo están presentes na súa investigación, nas que destacan dúas liñas principais de traballo. Por unha banda, o estudo dos supostos históricos, epistemolóxicos e teóricos da Psicoloxía Social e a súa articulación con outras disciplinas das ciencias sociais. Por outra, desenvolver unha psicoloxía estreitamente vinculada coa sociedade máis próxima á vez que preocupada por cuestións de dimensión universal. Este propósito levou ao profesor da USC a implicarse en proxectos de investigación relacionados coa Psicoloxía Ambiental e, sobre todo, coa Psicoloxía Política.
Sabucedo levou a cabo estudos sobre autoritarismo e actitudes políticas, participación e movementos sociais e violencia política, colaborando con especialistas de diversos países europeos e latinoamericanos. O carácter próximo das súas investigacións ponse de manifesto en traballos como o realizado sobre a mocidade galega e a esfera política, a abstención electoral en Galiza e o estudo comparativo dos movementos campesiños de protesta de Galiza e Holanda. Os resultados, publicados en diversos libros e revistas internacionais, contribuíron ao desenvolvemento de novos enfoques teóricos sobre os movementos sociais.
María Luz LoureiroA investigadora María Luz Loureiro García, premiada na categoría de investigadores mozos, traballa na actualidade no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia da USC cun contrato Ramón y Cajal. Licenciada en grao en Ciencias Económicas pola USC, ao remate da carreira obtivo unha bolsa de estudos de posgrao da Fundación Caixa Galicia coa que cursou un máster en economía agraria e medioambiental na Universidade de Washington, na que se incorporou como bolseira e onde realizou o doutoramento. En 2000 acadou o grao de doutora coa tese ‘Collective reputation & labeling’.
María Luz Loureiro foi profesora na Universidade de Colorado entre os anos 2000 e 2003 de materias relacionadas coa economía agraria e medioambiental e realizou ademais unha estadía como profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid. Posteriormente foi nomeada investigadora titular no Instituto Noruego de Investigacións Agrarias, en Oslo.
Publicou numerosos artigos sobre os recursos agrarios, abordando temas como o sector gandeiro, as enerxías renovables, o agroturismo ou as consecuencias económicas das perdas ambientais causadas polos verquidos do Prestige. A problemática dos recursos en Galicia causados por catástrofes mariñas e por incendios centra actualmente o seu traballo, sendo a investigadora principal de tres proxectos relacionados con esta cuestión.

The contents of this page were updated on 03.29.2007.