O fotógrafo lugués Carlos Valcárcel doa unha fotografía do Cebreiro ao Campus da USC en Lugo
O fotógrafo lugués Carlos Valcárcel doará a fotografía ‘O Cebreiro’ á Universidade de Santiago de Compostela nun acto que se vai celebrar mañá venres, día 2 de marzo, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, a partir das 13:00 horas. Así, a fotografía analóxica ‘O Cebreiro’, que o artista realizou no ano 1998 e na que se percibe unha paisaxe nevada desta zona lucense pasará a formar parte dos fondos da Vicerreitoría.
Asistirán ao acto de doazón o propio fotógrafo, Carlos Valcárcel, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, e os vicerreitores adxuntos.
Carlos Valcárcel nado en Lugo en 1929, participou en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas recibindo numerosos recoñecementos. A súa relación coa Universidade de Santiago de Compostela vén de lonxe, e no ano 2004 expón na Igrexa da Universidade unha serie de fotografías recompilatorias da súa carreira profesional.