Skip to main content

O Programa de Creación de Empresas de Base Tecnolóxica Empresa-Concepto presenta a súa nova etapa para o período 2006-2008

Os resultados acadados dentro do Programa de Creación de Empresas de Base Tecnolóxica Empresa-Concepto así como a nova etapa deste programa de dinamización de grupos de investigación con potencial empresarial presentaranse publicamente este mércores, día 10, nun acto no que intervirán representantes da Xunta de Galicia, das tres universidades galegas e do CSIC.
Na presentación, a celebrar a partir das 12:00 horas na Sala Obradoiro do Hostal dos Reis Católicos de Santiago, intervirán os directores xerais de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Promoción do Emprego da Xunta de Galicia, Salustiano Mato de la Iglesia e Álvaro Ansias Bacelar, respectivamente, e o director do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía da USC, Carlos Hernández Sande.
Á presentación asisten ademais a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger; o vicerreitor de Ferrol e Relacións Universidade-Empresa da Universidade da Coruña; e o director da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía do CSIC, José Luis de Miguel Antón.
As consellarías de Innovación e Industria e de Traballo da Xunta de Galicia, a proposta das tres universidades galegas e da delegación en Galicia do CSIC, impulsaron en 2004 o nacemento deste programa que ten posto a disposición dos investigadores os medios económicos e humanos que posibilitan a detección e avaliación daquelas ideas de negocio, baseadas en resultados de investigación, susceptibles de transformarse nun negocio a través do establecemento dunha empresa de base tecnolóxica e a comercialización de bens e servizos baseados nesas tecnoloxías.
A nova etapa do programa abranguerá o período 2006-2008 cun orzamento de 605.000 euros.

The contents of this page were updated on 01.09.2007.