Enxeñeiros Sen Fronteiras e a USC colaboran nun proxecto formativo para levar a cabo programas de mellora da rede hidrolóxica de países en vías de desenvolvemento
ESF e a USC manteñen aberto un programa que inclúe unha formación continua para o traballo en proxectos de desenvolvemento en países en vías de desenvolvemento. A idea desevolveuse tras un primeiro proxecto realizado en varios campamentos saharauís no 2003. Varios membros de ESF e profesores e alumnos da USC desprazáronse ata os campamentos de refuxiados saharauís en Tindouf (Arxelia) para mellorar as súas condicións de vida en relación coa auga. Á súa chegada viron que aínda que se atopaban alí varios organismos e ONGs para axudar eran moitas as carencias formativas dos voluntarios e de coñecemento da zona.
No ano 2003 o profesor da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo Jorge Molinero Huguet viaxou acompañado por voluntarios de ESF aos campamentos de refuxiados de Tindouf de Arxelia e alí comprobaron que a súa calidade de vida víase mermada pola escasa calidade e cantidade da auga. Tras estudar minuciosamente a zona no ano 2004 volveron sete persoas que dedicaron a viaxe a arranxar unha bomba de auga, recoller mostras e facer unha investigación máis detallada. Nunha posterior viaxe en 2005 obténse un estudo exhaustivo dos acuíferos da zona, algo fundamental para poder realizar accións de mellora. Neste período de tempo son varias as entidades que traballan conxuntamente na zona, ‘Solidaridad Internacional Andalucía’ e o ‘Consorcio Provincial de Aguas de Sevilla’ trataban de mellorar o abastecemento na zona, mentres que ESF estudou a evolución do sistema e fixo análises dos acuíferos da zona. De feito, a partir destas investigacións, as organizacións implicadas pediron diñeiro para mercar varias plantas potabilizadoras xa que descubriron que existía contaminación microbiolóxica. Deste xeito os organismos implicados repartiron o traballo e mentres as entidades andaluzas se encargaban de crear e mellorar as infraestruturas a USC se encargaba de dar a formación necesaria ao departamento de auga do Sahara.
Baseándose nos datos recompilados, unha alumna da Escola Politécnica Superior, Eva Docampo Cabaleiro, fixo o seu traballo fin de carreira, no que ademais se expón unha planificación de obxectivos e unhas liñas de actuación para a mellora da calidade de vida destes refuxiados. Este traballo foi recoñecido como finalista dos ‘V Premios Arquímedes de Introdución á Investigación Científica’ e máis recentemente un artigo baseado neste traballo realizado pola mesma alumna e polo seu profesor, Jorge Molinero Huguet acadou o ‘Premio de Investigación Carlos Ruíz Celaa’ que outorga a Asociación Nacional de Ingenieros de Minas, dotado con 1.500 euros.
Eva Docampo recoñece que cando chegaron aos campos de refuxiados a situación era crítica posto que só contaban con cinco litros por habitante e día para beber, facer a comida e asearse pero que despois de diversas actuacións chega un momento no que non se pode facer nada máis xa que non deixan de traballar nun campo de refuxiados no que o conflito político do Sahara impide que este pobo se desenvolva máis.
Así as cousas, ESF e a USC só teñen unha opción de colaboración que é a da formación e actualmente manteñen aberto un programa de axuda que se denomina AQUA SAHARA e no que se está en continua comunicación por satélite cos campamentos de refuxiados e co departamento de auga do goberno saharauí para darlles a formación necesaria para desenvolver os seu propios proxectos. Esta non é a única liña de acción deste proxecto xa que actualmente se atopan varios investigadores en Tanzania para desenvolver un proxecto similar. Ambos os dous proxectos están financiados pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.