Skip to main content

Decanos e directores dos centros da USC discutiron en San Xerome o documento ministerial sobre os títulos de grao e master

Os decanos e directores dos centros da Universidade de Santiago reuníronse hoxe martes na Reitoría para debater, xunto co reitor Senén Barro e membros do equipo de dirección, o documento ‘Directrices para a elaboración de títulos universitarios de grao e master’ elaborado recentemente polo Ministerio de Educación e Ciencia. Estas directrices son unha guía para elaborar as propostas e a documentación que cada Universidade debe presentar para iniciar así a avaliación académica prevista pola LOU que permita a inscrición dun título no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).
Co documento ministerial de traballo sobre o que se discutiu, proposta de directrices por ramas de coñecemento, trátase de promover o debate posterior no seno do Consejo de Coordinación Universitaria, cuxas comisións de Coordinación e Académica deberán emitir antes de marzo un informe que, unido ao documento de traballo, servirá de base para a regulación do proceso de aprobación de títulos que o Goberno levará a cabo posteriormente.
Segundo se informou na xuntanza de San Xerome, as universidades serán quen establezan o seu calendario de adaptación tendo en conta que os novos títulos comezarán a implantarse no curso 2008-09. Tamén se explicou que no curso 2010-11 non se poderán ofertar prazas de novo ingreso en primeiro curso para as actuais titulacións de Licenciado, Diplomado, Arquitecto, Enxeñeiro, Arquitecto Técnico e Enxeñeiro Técnico, a pesar de que todos os estudantes matriculados nas titulacións anteriores manterán o dereito a finalizar os seus estudos nas condicións en que os comezaron.
A formulación deste documento é diferente á que rexeu ata agora a elaboración das directrices xerais dos planes de estudo actualmente vixentes. Se ata agora constaban exclusivamente dun conxunto de materias, descritores, créditos e áreas de coñecemento vinculadas a un título concreto, hoxe este novo modelo concibe o plan de estudos como un proxecto de implantación dunha ensinanza universitaria. Como tal, para a súa aprobación requírese a achega de novos elementos como a xustificación, obxectivos, admisión de estudantes, contidos, planificación, recursos, resultados previstos e sistema de garantía de calidade.

The contents of this page were updated on 01.16.2007.