Skip to main content

O Grupo Compostela de Universidades analizará na USC o papel das mulleres na investigación e na sociedade

Será no marco do Foro Compostela sobre a Muller en Investigación e Sociedade que se celebra os días 25 e 26 na Facultade de Ciencias da Comunicación

O Grupo Compostela de Universidades organizará a vindeira semana en Santiago, entre os días 25 e 26 na Facultade de Ciencias da Comunicación, o Foro Compostela sobre a Muller en Investigación e Sociedade. Trátase dun foro dinámico e plural a través do que observar e facer visible o papel da muller no ámbito social e investigador como vía para contribuír á desaparición da desigualdade por cuestións de xénero.
A actividade inicial deste foro será a presentación do Grupo Helsinki sobre Mulleres e Ciencia, colectivo constituído pola Comisión Europea en 1999 que foi merecedor, por decisión unánime do xurado, do Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia 2006. O Grupo Helsinki reúne a trinta expertas en cuestións de xénero dos quince estados membro da UE e dos quince países asociados ao V Programa Marca para accións de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración da Comunidade Europea.
Ademais da presentación deste colectivo europeo, o Foro Compostela tratará cuestións relacionadas coas boas prácticas para participar no VII Programa Marco, presentándose diversas iniciativas institucionais, relatorios e proxectos relacionados coa muller ou realizados por mulleres, con especial atención á investigación universitaria.

The contents of this page were updated on 01.17.2007.