Os directores de departamento da USC coñecen o Sistema de Xestión de Calidade para a ISO 9001:2000 na área académica
Responsables da Vicerreitoría de Calidade e da Secretaría Xeral da USC presentáronlle hoxe aos directores dos distintos departamentos universitarios o Sistema de Xestión de Calidade para a ISO 9001:2000 na Área Académica. A presentación tivo lugar no Centro de Estudos Avanzados e foi seguida simultáneamente desde o Campus de Lugo por videoconferencia.
O adxunto Carlos Gómez remitiuse no acto ao Plan Estratéxico da USC, que formulaba como obxectivo número 45 a reorganización da xestión académica, para o que había que integrar a totalidade dos procesos e a oferta de estudos, ademais de ser necesarios un control e dirección central e homoxénea de todos os procesos de xestión académica, cunha atención descentralizada aos usuarios.
Na presentación explicouse o estado actual do sistema de xestión de calidade da USC, que se definiu como un conxunto da estrutura organizativa, procedementos, procesos e recursos necesarios para implantar a xestión da calidade nunha organización. Segundo puxeron de manifesto os responsables universitarios, un dos elementos deste sistema sería a actuación conforme a unha Norma Internacional, a ISO 9001:2000, na que se afondou hoxe facendo especial fincapé na xestión académica.