Skip to main content

A Aula de Produtos Lácteos da USC en Lugo reforzará as súas instalacións con novo material científico

Os conselleiros de Innovación e Medio Rural, xunto co reitor da USC visitaron esta Aula e deron conta do convenio que lle permitirá estas melloras

O reitor da USC, Senén Barro; os conselleiros de Innovación e de Medio Rural, Fernando Blanco Álvarez e Alfredo Suárez Canal, respectivamente; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, realizaron este xoves unha visita polas instalacións da Aula de Produtos Lácteos (APL) do campus lugués. No transcurso desta visita, Senén Barro e os conselleiros deron conta ademais do novo equipamento de que vai dispor esta Aula en virtude do convenio asinado pola institución académica e a autonómica en datas recentes.
Cun orzamento de máis de 500.000 euros, o convenio constitúese como a primeira fase para a conversión da APL en Centro Tecnolóxico, o que lle permitirá reforzar a súa posición de apoio ás empresas galegas do sector co desenvolvemento das súas actividades de investigación e formación. Deste xeito, a Aula luguesa adquirirá unha desnatadora autodeslodante, unha envasadora rotativa ultralimpa, un lactofermentador presurizado con axitación ou un dosificador aséptico de aditivos en liña, entre outros equipamentos.
Tanto o reitor como o conselleiro coincidiron en salientar esta actuación pola transcendencia do sector do leite para a economía galega. Neste senso lembraron que o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación contempla un programa específico de Tecnoloxías da Alimentación especialmente enfocado aos proxectos relacionados con produtos de especial presenza en Galicia, como é o leite e os seus derivados.

No transcurso da súa intervención, o reitor puxo de manifesto a importancia da APL no eido da investigación e agradeceu a colaboración do goberno autonómico para mellorar tecnoloxicamente o centro, que xa cumpre quince anos de vida. O reitor aproveitou a súa intervención para felicitar ao director e persoal da Aula, “porque sen a súa dedicación e esforzo non serían posibles os pasos que agora se están dando”.
A Aula de Produtos LácteosA Aula de Produtos Lácteos, que dirixe o profesor Juan Méndez, funciona como centro de investigación para dar apoio integral ao sector lácteo e está integrado dentro do instituto de Investigacións e Análises Alimentarias da USC. Entre os servizos que realiza atópanse tarefas de formación, tanto dentro da propia Aula como en empresas, diversas accións específicas en I+D ou analítica e análise sensorial. A Aula de Produtos Lácteos conta nas súas instalacións cunha planta piloto de máis de cincocentos metros cadrados cos medios técnicos precisos para reproducir, nunha escala reducida, os procesos máis representativos da industria láctea.
Cunha estrutura baseada na Área de Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición e Bromatoloxía do Campus de Lugo, dispón dun equipo humano formado por tres profesores da USC, quince persoas dedicadas á I+D e formación, once membros entre o persoal da área de informática e TIC, dous bolseiros de investigación e máis de noventa persoas entre profesores invitados de empresas e outras universidades.

The contents of this page were updated on 01.18.2007.