A USC oferta oito bolsas de intercambio con universidades de Estados Unidos e Porto Rico
Oito alumnos da Universidade de Santiago poderán estudar en universidades estadounidenses e de Porto Rico pertencentes á rede ISEP. A finalidade da convocatoria é realizar un período de intercambio nas universidades da rede ISEP tanto para os estudos oficiais como para estudos de mestrado. O prazo para presentar solicitudes nesta convocatoria, que xestiona a Vicerreitoría de Relacións Institucionais, remata o vindeiro día 29 de xaneiro (http://www.usc.es/ore).
A duración das bolsas convocadas será dun curso académico contando a partir do mes de agosto de 2007. As persoas interesadas deberán estar matriculados na USC, tanto en titulacións oficiais como en calquera titulación propia excepto as de Ciencias da Saúde nas que este programa de intercambio non acepta e mobilidade. Ademais, os candidatos deberán estar en posesión do certificado de acreditación da lingua inglesa TOELF ou superar as probas GMAT ou CRE, para os alumnos que vaian cursar mestrados.
ISEP (International Student Exchange Program) é un programa de mobilidade estudantil que se encarga da organización de intercambios entre universidades de todo o mundo e máis de cen dos Estados Unidos e Porto Rico inscritas na devandita. A información relativa aos estudos que se imparten nas universidades da rede ISEP pódese consultar na páxina web da rede.