Skip to main content

Un estudo inédito avalía a formación e o desenvolvemento profesional docente en Galicia

A investigación realizouna a profesora da USC María Dolores Fernández Tilve

As modalidades de formación e o desenvolvemento profesional docente en Galicia foron obxecto de avaliación por parte da profesora da USC Mª Dolores Fernández Tilve nun estudo que acaba de ser editado polo Concello de Sanxenxo e cuxos achados a autora confía que sirvan de referencia para afrontar os grandes retos e desafíos educativos da escola do século XXI.
Os recursos formativos, xunto ao asociacionismo profesional e a mellora das condicións de traballo, constitúen eixes fundamentais para que os profesores poidan levar a cabo coa máxima profesionalidade e rigor a súa función socializadora e educadora, adaptándose aos continuos cambios e demandas sociais. Para iso, a formación permanente do profesorado constitúe na actualidade un piar clave que “debe ser entendida e asumida como un dereito pero tamén un deber” que permita a continua reflexión sobre a propia práctica e a reinterpretación dos procesos de ensino-aprendizaxe, en opinión da docente do Departamento de Didáctica e Organización Escolar.
No marco destas reflexións, e dada a escasa avaliación sistemática e rigorosa das acción formativas emprendidas en Galicia, Fernández Tilve investigou sobre o sentido de cada modalidade de formación, as súas posibilidades combinatorias e os seus niveis de desenvolvemento. O estudo deu pé a coñecer cales son as modalidades preferidas pola Administración educativa e o profesorado e asesores de formación, as institucións formativas implicadas na súa posta en práctica así como as súas posibles contribucións ao desenvolvemento profesional dos profesores, á mellora do ensino, á aprendizaxe dos alumnos e dos centros educativos.
Modalidades de formación y desarrollo profesional docente. Un estudio evaluativo en Galicia é un traballo inédito en Galicia que pretende “examinar o presente e construír o futuro”. Ao tempo, como explica a autora, trátase dun “referente estimable para todos aqueles que fan da formación do profesorado un territorio para o exercicio profesional”, na medida en que pode axudarlles a reflexionar sobre o valor formativo de cada unha das modalidades que utilizan, a afondar nos seus significados e colaborar deste modo na construción do coñecemento no campo da formación.

The contents of this page were updated on 01.22.2007.