Skip to main content

O Plan de Desenvolvemento Sostible retoma a campaña de separación de residuos e compostaxe na Residencia Monte da Condesa

Composteiro da Universidade de Santiago
Composteiro da Universidade de Santiago
O pasado ano foron 2.099 os litros de residuos orgánicos compostados na Residencia

O Plan de Desenvolvemento Sostible retomou hoxe cunha charla informativa no Monte da Condesa a campaña de separación de residuos e compostaxe que comezara o ano pasado na mesma residencia e á que tamén se suma este curso a Bal y Gay de Lugo. En 2006 foron 2.099 os litros de residuos orgánicos compostados na Residencia Universitaria Monte da Condesa, evitándose así que fosen queimados en incineradoras ou depositados en vertedoiros e aproveitándoos para a produción de compost que se emprega nas actividades de xardinería.
A compostaxe é un proceso de degradación natural de residuos orgánicos que permite obter o compost, abono ecolóxico con múltiples aplicacións. Mediante este proceso aprovéitanse parte dos residuos xerados fundamentalmente nas cociñas e dos orgánicos da poda que o Servizo de Xardinería proporciona periodicamente.
A compostaxe na USCEsta campaña ten como obxectivo principal promover hábitos responsables de separación selectiva de residuos entre membros da comunidade universitaria. Así, preténdese consolidar a compostaxe como método alternativo de tratamento de residuos nas residencias universitarias Monte da Condesa e Bal y Gay e, ao mesmo tempo, ir introducindo dito procedemento noutras residencias e colexios maiores.
En Lugo, xa dende hai dous cursos se realiza con éxito a compostaxe dos residuos xerados nas cociñas da residencia Bal y Gay e na cafetería da Facultade de Ciencias, grazas á participación dos bolseiros de Aula Verde. O compost que se produce é empregado experimentalmente na finca de prácticas da Escola Politécnica Superior como emenda do solo.
A experiencia, unha aposta por medidas activas para mellorar a calidade ambiental dos campus, é posible grazas á colaboración entre a coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, o persoal da Residencia Universitaria Monte da Condesa, o Servizo de Xardinería da USC e o Servizo de Residencias Universitarias a través dos bolseiros de Aula Verde.

The contents of this page were updated on 01.24.2007.