Skip to main content

Galicia precisa triplicar capital risco para actividades innovadoras

Esta é unha das conclusións ás que chegaron os expertos internacionais reunidos no seminario organizado polo Grupo ICEDE da USC sobre políticas de innovación e venture capital

O catedrático Xavier Vence, coordinador do seminario internacional sobre políticas de innovación e venture capital, recalcou no Hostal dos Reis Católicos que a experiencia de Flandes, Israel, os País Nórdicos ou o Silicon Valley mostra que o venture capital é unha peza clave para o desenvolvemento de novas empresas en actividades innovadoras. Para Vence, cómpre realizar unha reforma fiscal que incentive a orientación do capital risco existente cara ao financiamento das fases de arranque das novas empresas, “xa que hoxe por hoxe o capital risco está orientándose en exceso cara actividades de expansión de empresas xa consolidadas e mesmo para financiar operacións corporativas de carácter especulativo”. Ademais, reclamou para os Business Angels o mesmo tratamento fiscal que o capital risco “que, paradoxalmente, non poden beneficiarse de vantaxes fiscais a pesares de entraren normalmente en actividades máis incipientes e de maior risco”.
Os expertos destacaron tamén no encontro a importancia dunha coordinación da política de capital risco coa de innovación para reforzar a súa eficacia e facilitar a transferencia dos resultados da I+D ao sistema produtivo mediante a creación de novas empresas de base técnolóxica, start-ups, etc. Nese senso, Xavier Vence destacou a estrañeza mostrada polos expertos ante o feito de que o IGAPE estea separado da Consellaría de Innovación e Industria.
No seminario participaron expertos europeos como Phil Cooke, Rudy Aernoudt, Martí Pellón ou Claire Munck. A exitosa experiencia belga e británica de Business Angels pode resultar de grande interese, segundo os asistentes, para poñer en marcha en Galicia este tipo de figura de inversor que “non só aporta o seu capital aos proxectos innovadores senón tamén a súa experiencia empresarial, os seus coñecementos dos mercados e os seus contactos”. A experiencia europea, salientaron, mostra a importancia de favorecer a existencia de redes de business angels que alcancen o tamaño suficientes para ser atractivas para o inversores particulares.
O experto israelí Morris Teubal, profesor da Universidade de Xerusalen, explicou a experiencia dese país no desenvolvemento do cluster de alta tecnoloxía grazas a unha exitosa política estatal de configuración dun sector de capital risco privado, experiencia que está demostrando o seu éxito tamén en Flandes grazas ao programa Arkimedes. Pola súa banda, o profesor Phil Cooke mostrou que as empresas biotecnolóxicas teñen mellores resultados en I+D que as grandes empresas farmacéuticas tradicionais e presentou a situación do financiamento dos proxectos de empresas biotecnolóxicas, en expansión en todo o mundo e que precisan dun maior protagonismo do capital semente para cubrir as longas fases iniciais de maduración.
No marco deste seminario tamén se presentou o Mercado Alternativo Bursátil que se está a poñer en marcha por parte das Bolsas Españolas e que pretende converterse nunha vía alternativa para o financiamento da expansión das PEMES e mesmo para facilitar a saída dos Business Angels e dos fondos de capital risco para colocar no mercado os seus investimentos e, deste xeito, dinamizar a súa actividade. A este respecto, algúns participantes como o profesor Martí Pellón manifestaron o seu escepticismo sobre esta iniciativa considerando que pode fracasar por ausencia de operacións suficientes. Este experto español en capital risco defendeu a importancia de introducir un tratamento fiscal favorable para os inversores en proxectos de capital semilla e outros para conseguir mobilizar capital cara a proxectos innovadores.

The contents of this page were updated on 11.30.2007.