Skip to main content

Uninova celebra a Semana do Emprendemento Universitario

Aberta a todos os universitarios, celebrarase do 12 ao 16 na Facultade de Matemáticas

O reitor da USC, Senén Barro, inaugurará o vindeiro luns 12 ás 16:00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a Semana do Emprendemento Universitario, iniciativa organizada pola incubadora de empresas da USC Uninova e cofinanciada polo proxecto Europeo Transtic da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA.
O obxectivo desta cita, que leva por título “O que te interesa saber antes de crear a túa empresa”, é facilitar aos alumnos universitarios con escaso coñecemento sobre xestión empresarial os criterios de análise precisos á hora de poñer en marcha unha nova iniciativa empresarial. Logo do acto inaugural, o grupo Mofa e Befa porá en escena a obra de teatro ‘Emprender: unha carreira de obstáculos’.
A Semana do Emprendemento desenvolverase ata o día 16 a través de diversas actividades como un curso de emprendedores, visitas ás sedes do programa Uniemprende e da incubadora de empresas da USC (Uninova) ou un taller de experiencias baixo o lema ‘Aprende dos que xa aprenderon’.
Curso emprendedoresO curso para emprendedores desenvolverase ao longo das cinco xornadas en que se articula esta Semana do Emprendemento en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas. No transcurso das sesións previstas analizarase a idea empresarial articulándoa nun plan de empresa que recolla os seus aspectos fundamentais tales como a integración da empresa no seu contorno, análise do plan director e análise do factor económico. Adicionalmente farase un percorrido polas axudas existentes para iniciativas empresariais procedentes do público universitario e contarase coa participación dun caso de éxito dunha empresa pertencente ao sector das TIC.
O curso está destinado a alumnos universitarios procedentes de todas as titulacións e ten carácter gratuíto, polo que a inscrición será por rigoroso orde de inscrición. http://www.uninova.org/semanaEmprendementoUniversitario.
Visitas a Uniemprende e UninovaA primeira das visitas programadas, o xoves 15 ás 12:00 horas, será á incubadora de empresas da USC, Uninova, emprazada no Polígono do Tambre. Ao día seguinte ás mesma hora, os participantes desprazaranse ata o edificio CACTUS do Campus Sur, sede do programa de fomento da cultura emprendedora da USC, Uniemprende.
Taller de experienciasOutra das iniciativas contempladas no desenvolvemento desta Semana do Emprendemento é a realización dun taller de experiencias denominado ‘Aprende dos que xa emprenderon’, no que os asistentes coñecerán de primeira man o proceso seguido por outros universitarios que xa teñen desenvolvido a súa propia empresa.
No Campus de Lugo, este taller celebrarase o luns 12, a partir das 13:00 horas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na Sala de Xuntas da Vicexerencia a partir das 16:30 horas. En Santiago desenvolverase o xoves, día 15, a partir das 16:00 horas na Facultade de Matemáticas.

The contents of this page were updated on 11.09.2007.