Skip to main content

O Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida preséntase á comunidade universitaria este martes no CEA

En maio de 2005 a USC e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinaron un protocolo de intencións dirixido á creación dun centro de investigación no ámbito das ciencias e tecnoloxías da vida, o CITEV. Un ano máis tarde, priorízase como un dos centros de referencia científica a desenvolver no marco do protocolo institucional formalizado entre a Xunta e o MEC para a constitución en Galicia de catro centros de excelencia coa participación do CSIC e o Sistema Universitario Galego.
As características do CITEV, que comezará a funcionar no Campus Sur en 2010, presentaranse este martes, día 13, ás 13:00 horas no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC (Parque Vista Alegre, Rúa Salvadas s/n. Santiago). No acto participarán o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro, o vicepresidente de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rafael Rodrigo Montero, e a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso Fernández.
Na presentación, aberta a toda a comunidade universitaria interesada, darase a coñecer publicamente a orixe, estado actual e perspectivas futuras desta iniciativa, á vez que se solucionarán as dúbidas que puidesen xurdir en relación co proceso de definición do centro.
Contribuír a desenvolver novas formas en diagnóstico de enfermidades é o obxectivo principal do CITEV, que potenciará principalmente o desenvolvemento de áreas emerxentes de investigación como a xenómica estrutural e funcional, a proteómica, a farmacoxenómica e as nanobiotecnoloxías de xeito que se formulen as directrices para xerar recursos e identificar e comprender a función dos xenes que controlan diversos aspectos de enfermidades humanas e outros caracteres relacionados coa productividade de especies de interese.

The contents of this page were updated on 11.12.2007.