Skip to main content

A conselleira de Educación inaugurou a celebración dos 15 anos da Facultade de Ciencias e os 35 do Colexio Universitario de Lugo

Haberá durante toda a semana conferencias divulgativas e dúas sesións con experimentos recreativos

A Facultade de Ciencias celebra esta semana o XV aniversario da súa fundación, coincidindo cos 25 anos de inauguración do edificio da Facultade e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo. O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o responsable da Área de Cultura de Deportes da Deputación Provincial, Antón Veiga, e o decano do centro, Francisco Fraga López, participaron no acto de inauguración, que tivo lugar hoxe, luns, ás 11:00 horas.
Os presentes neste acto destacaron a importancia que tivo para a cidade a creación do Colexio Universitario “como xerme do actual Campus de Lugo”. O decano do centro aproveitou a presenza da conselleira para solicitar a implantación de novos ciclos coincidindo coa reforma e destacou a importancia das facultades “non só como centros de ensino, senón como lugares de desenvolvemento cultural”.
Pola súa banda, o vicerreitor de Cultura explicou que “a biografía da cidade non se pode entender sen a existencia da universidade e sen o traballo desenvolvido polo grupo humano que comezou a súa andaina de forma tan precaria”. O alcalde fixo tamén un agradecemento conxunto a “todos aqueles que desenvolveron o seu labor para inicialo, aqueles que continuaron o traballo e para todos os que no futuro seguirán apoiando e loitando polo crecemento do campus lucense”.
Finalmente, o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo e a conselleira fixeron un recordatorio destes anos de crecemento sen esquecer unha lembranza especial a alumnos, profesores, reitores e decanos que “creron no campus de Lugo”. Destacaron tamén a importancia que tivo o edificio que actualmente ocupa Ciencias, onde naceron outras facultades como Veterinaria ou a que antes se coñecía como Agrónomos.
ProgramaPara continuar co programa de actos, a profesora titular da Facultade de Ciencias de Lugo María Isabel Fernández García realizou unha reseña histórica da evolución dende colexio a facultade neste tempo.
No mesmo figuran varios relatorios ofrecidos por catedráticos de gran prestixio de diversas especialidades das distintas universidades do Estado. Abriu este ciclo Carlos Pajares Vales, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago e que ocupou o cargo de reitor dende 1984 a 1990. O título da súa intervención foi ‘¿De qué están feitas as cousas?’, ofrecendo unha visión da física e química dende un punto de vista divulgativo.
Nos relatorios ofreceranse diferentes perspectivas das ciencias, con intervencións técnicas e outras máis divulgativas. Dentro do programa figuran tamén varias conferencias de especialistas da Facultade de Humanidade, nas súas especialidades con profesores de especialistas na súa materia dentro da USC como Jesús Varela Zapata, Ángeles Rodríguez Fontela, Claudio Rodríguez Fer e Antonio Rodríguez Colmenero.
Destacan no programa dúas xornadas de física recreativa, que consisten en charlas-demostracións divulgativas sobre experimentos físicos espectaculares. A primeira destas dúas sesións, que terán lugar nas tardes do martes e o mércores, ás 17:00 horas, estará a cargo de Miguel Ángel Cabrerizo Vílchez, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada e Premio Internacional da Comunidade Económica Europea en Física Recreativa. A segunda será conducida por Julio Seijas Vázquez e José Crecente Campo, profesor e investigador, respectivamente, da Facultade de Ciencias lucense.
Estas dúas xornadas teñen o obxectivo de achegar a todos os públicos a física e a química e a súa aplicación á realidade cotiá coa realización de experimentos sinxelos pero espectaculares, que normalmente teñen unha explicación teórica complexa pero a súa demostración práctica resulta fácil de comprender.
O programa elaborado combina a especialización coa iniciación ao mundo das ciencias coa intención de chegar ao publico en xeral e máis concretamente aos estudantes de Secundaria. De feito, a entrada é libre e gratuíta para todos estes eventos.

The contents of this page were updated on 11.19.2007.