Os residentes do SUR da Universidade de Santiago dispoñen de novas bicicletas

A Coordinación do Plan do Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Planificación da USC, entregou estes días 42 bicicletas aos centros do Servizo Universitario de Residencias para que, con carácter xa definitivo, eles mesmos xestionen o seu préstamo entre os residentes. A iniciativa serve para consolidar a aposta que a USC fai pola mobilidade sostible, poñendo a disposición de todas as persoas que residen nas residencias ou colexios maiores bicicletas que poderán usar nos seus desprazamentos cotiás.
Estas bicicletas son parte das que o curso pasado foron postas en préstamo gratuíto na USC grazas á colaboración entre a Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible, a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta e a asociación ecoloxista Verdegaia. Naquela ocasión foron 418 as solicitudes de préstamo que se recibiron, demostrando así a comunidade universitaria, especialmente os estudantes, un gran interese por este medio de transporte.
As enquisas contestadas daquela por parte das persoas que tiveron en préstamo as bicicletas indicaban que un 50 % dos usuarios en Santiago e un 57,9% dos usuarios en Lugo consideraban imprescindible a creación de ‘carrís bici’ tanto nas cidades coma nos propios campus universitarios. Durante este curso repetirase o programa de préstamo de bicicletas con 300 bicicletas, que se fará efectivo en 2008.
As persoas que residan en centros do SUR e que estean interesadas en empregar estas bicicletas deberanse dirixir ás conserxerías dos respectivos centros do SUR onde lles informarán do procedemento de préstamo.