Xornada de divulgación das liñas de traballo dos grupos de investigación da EPS
O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino García, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, abrirán este mércores, día 14, unha nova actividade organizada con motivo da celebración da Semana da Ciencia, consistente nunha xornada de divulgación das liñas de traballo dos distintos grupos de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo. Na presentación, ás 11:00 horas no Salón de Actos da Escola, ofreceranse os datos de investimento en materia investigadora, tanto na EPS coma no resto do Campus.
Esta é a primeira vez que se celebra un acto de divulgación destas características na EPS e a súa finalidade é dar a coñecer aos estudantes as liñas actuais e os distintos grupos existentes, como alternativa de futuro e tamén ofrecer aos lucenses unha visión xenérica do traballo que se realiza no Campus de Lugo en materia investigadora.
Na xornada participarán tamén un total de 14 grupos de traballo dos distintos departamentos da EPS. Cada un deles disporá de dez minutos para ofrecer unha visión do labor que se realiza e contestar ás preguntas que se formulen.