Skip to main content

O Centro de Ciencias e Tecnoloxías da Vida impulsará os estudos de biomedicina en España

O CITEV presentouse aos investigadores no Centro de Estudos Avanzados
O CITEV presentouse aos investigadores no Centro de Estudos Avanzados
Este centro mixto USC-CSIC presentouse hoxe aos investigadores

En maio de 2005 a USC e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) asinaron un protocolo de intencións dirixido á creación dun Centro de Investigación no ámbito das Ciencias e Tecnoloxías da Vida, o CITEV. Un ano máis tarde, priorízase como un dos centros de referencia científica a desenvolver no marco do protocolo institucional formalizado entre a Xunta e o MEC para a constitución en Galicia de catro centros de excelencia coa participación do CSIC e o Sistema Universitario Galego.
As características do CITEV, que comezará a funcionar no Campus Sur en 2010, presentáronse aos investigadores este martes no Centro de Estudos Avanzados nun acto no que participaron o reitor da USC, Senén Barro, o vicepresidente de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Rafael Rodrigo; o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde-Pumpido; e a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso.
Contribuír a desenvolver novas formas en diagnóstico de enfermidades será o seu obxectivo principal, potenciando principalmente o desenvolvemento de áreas emerxentes de investigación como a xenómica estrutural e funcional, a proteómica, a farmacoxenómica e as nanobiotecnoloxías de xeito que se formulen as directrices para xerar recursos e identificar e comprender a función dos xenes que controlan diversos aspectos de enfermidades humanas e outros carácteres relacionados coa produtividade de especies de interese.
O CITEV concíbese como un centro de excelencia caracterizado pola súa singularidade temática no contexto español, que nace co obxecto de promover a colaboración transdisciplinar e traslacional en ámbitos relacionados coa biomedicina. Máis concretamente, tratará de deseñar, desenvolver e avaliar estratexias terapéuticas innovadoras a partir dun mellor coñecemento dos mecanismos moleculares, celulares e fisiolóxicos das enfermidades. Este coñecemento permitirá a identificación de novas dianas e marcadores biolóxicos que servirán de base para o desenvolvemento de fármacos innovadores, terapias celulares e xénicas e nanosistemas terapéuticos.
Máis de 10.000 metros cadradosEste centro ocupará unha extensión de entre 10.000 e 12.000 metros cadrados, con capacidade para acoller a 250 investigadores. Situarase preto do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e do parque científico (UNIPARC-NEXUS) da USC no que se contará con espazos para a incubación de empresas spin-off, e onde se atoparán tamén novos centros singulares de investigación en ámbitos como a química, a física, a bioloxía e a medicina. Así mesmo, está prevista a construción dun centro de experimentación animal no entorno próximo ao CITEV.

The contents of this page were updated on 11.13.2007.