Skip to main content

A Comisión de Igualdade de Xénero da USC reuniuse por vez primeira

A Comisión de Igualdade de Xénero da USC, constituída por representantes de todos os sectores da comunidade universitaria, reuniuse este martes 20 por vez primeira. A comisión ten como obxectivo fundamental a participación na elaboración do Plano de Igualdade de Xénero da institución compostelá.
A reunión estivo presidida pola vicerreitora de Calidade e planificación, Dolores Álvarez Pérez, e nela a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade compostelá, Isabel Diz, presentou o Diagnóstico sobre a igualdade na USC realizado pola propia Vicerreitoría e que será presentado nos vindeiros días en distintos órganos universitarios.
O Diagnóstico é unha ferramenta de traballo para a elaboración do Plano de Igualdade de xénero que inclúe sete ámbitos de análise: Políticas e accións de igualdade de xénero na USC; Presenza das mulleres na USC; Acceso, selección, promoción e desenvolvemento; Condicións laborais e retribucións; Acoso, actitudes sexistas e percepción de discriminación; Conciliación da vida familiar e laboral; e, por último, Condicións sociosanitarias, físicas e do entorno de traballo.
A partir da análise e valoración dos distintos indicadores describirase a situación da igualdade na Universidade de Santiago, a partir da cal se establecerán os eixos, obxectivos e accións básicos do Plan de Igualdade.

The contents of this page were updated on 11.20.2007.