Skip to main content

O Consello de Goberno da USC reúnese este mércores en San Xerome

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reunirase este mércores, día 21, para tratar, entre outros asuntos, a oferta de novos máster e Programas Oficiais de Posgrao. A xuntanza terá lugar ás 9:30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
Este órgano de goberno universitario estudará ademais a solicitude de fondos FEDER para novos edificios, os criterios para a avaliación de méritos docentes do ano 2007, a oferta de seis novos cursos de posgrao propio, as propostas de concesión dos doutoramentos honoris causa, os criterios de reparto e mobilidade dos alumnos de terceiro ciclo ou o proxecto de regulación de colaboradores docentes da Fundación Rof Codina.
No eido da docencia e a investigación, o Consello de Goberno debaterá sobre a asignación de complementos retributivos autonómicos, a regulación do programa de axudas para o financiamento de estadías con obxecto académico de Persoal Docente e Investigador doutras Universidades e Centros de investigación e a modificación da instrución relativa á remuneración de asistencias nos concursos de PDI contratado.
As convocatorias de bolsas de comedor do Servizo Universitario de Residencias e predoutorais destinadas a estudantes iberoamericanos son outras cuestións a tratar na xuntanza, que elixirá así mesmo aos novos membros Comisión de Resolución de Conflitos e dirimirá as novas atribucións da Comisión de Accións Especiais e a normativa para cesión temporal de espazos.

The contents of this page were updated on 11.20.2007.