Skip to main content

A USC formará aos estudantes como mediadores en prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais

É a primeira vez que se desenvolve esta iniciativa en España cun carácter tan integral

A USC formará aos seus estudantes en materia de prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais para que posteriormente estes colaboren como mediadores informativos nos centros universitarios. A participación neste proxecto integral, pioneiro en España, está recoñecida con créditos de libre configuración.
A actividade, que nun futuro se estenderá aos outros campus universitarios galegos, presentouse nunha rolda de prensa na que participaron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Mayán; o xefe do Servizo de Prevención de Drogodependencias da Xunta de Galicia, Jesús Morán, e o responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo.
Coas xornadas sobre prevención en saúde mental, consumo de drogas e relacións afectivo sexuais, que se desenvolverán a finais de mes na USC, trátase de achegar aos estudantes información relacionada con distintos temas de interese nos que eles mesmos son protagonistas, baseándose no principio de educación entre iguais.
Deste xeito, serán os propios universitarios quen, tras unhas xornadas teóricas, realicen accións prácticas que lles capaciten para informar aos seus compañeiros nos centros da USC sobre os distintos servizos que ofrecen a UMAD, o Centro de Orientación Familiar, a Unidade de Desordenes da Alimentación, a Unidade de Trastornos do Alcoholismo ou as Unidades de Saúde Mental. A función dos estudantes será de carácter unicamente informativo sobre horarios, programas, servizos ou localización dos centros, derivando a cada un deles aos estudantes que precisen dun asesoramento profesional e cualificado.
A actividade consta dunha parte teórica, a celebrar os días 30 de novembro e 1 de decembro convalidable por 1 crédito de libre configuración, e doutra práctica e formativa que se desenvolverá nos propios centros e que está recoñecida con 3 créditos. Para esta última parte do curso a USC asinou diversos protocolos de colaboración co fin de regular a derivación das asistencias aos servizos.
A acción de mediación informativa nos centros organizarase en base á instalación nos distintos centros dunha serie de puntos informativos sobre os recursos e servizos que as distintas unidades coas que a USC asinou convenios lles ofrecen á comunidade universitaria.
Por outra banda, en colaboración co equipo do profesor Elisardo Becoña Iglesias, da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, deseñarase unha enquisa que permita avaliar distintos aspectos relacionados cos hábitos de consumo dentro dun grupo de estudantes universitarios e ao longo do ano académico. Xa a finais de xuño, os estudantes participantes no proxecto deberán presentar un traballo no que se fagan constar as súas actividades e a valoracións das súas colaboracións.

The contents of this page were updated on 11.15.2007.