Skip to main content

A mostra 'Ollando a Lusofonía' compleméntase este mércores cunha maratón de cine na Escola de Maxisterio de Lugo

Previamente leranse as conclusión do primeiro congreso celebrado en Santiago en setembro

Dentro das actividades complementarias á exposición colectiva ‘Ollando a Lusofonía’, a Escola de Formación do Profesorado de Lugo acolle este mércores 28 unha maratón de cine coa proxección de tres documentais.
Previamente ás proxeccións, ás 20:00 horas, leranse as conclusións do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos, que tivo lugar no mes de setembro na Facultade de Filosofía de Santiago. O relatorio estará a cargo de Xulio López, responsable da Área de Cooperación do CEIDA (entidade organizadora das actividades do congreso).
As proxeccións comezarán ás 20:30 horas neste mesmo centro. A primeira será ‘Mionga ki ôbo-Mar e Selva’, de Ângelo Torres, un documental de 52 minutos de duración que describe as localidades de Sao Tomé e Príncipe. Seguidamente, ás 22:00 horas, verase ‘Bissau D’Isabel’, de Sana Na N’hada, que ofrece unha visión da Guiné Bissau.
Finalizará a maratón o filme ‘Bitú’, de Leao Lópes, recollendo en imaxes a esencia de Cabo Verde.
As proxeccións son de libre acceso e gratuítas. Complementan a exposición, que se pode visitar ata o 5 de decembro no vestíbulo do Auditorio de Veterinaria e na sala Isaac Diaz Pardo. Está composta por 95 fotografías que recollen instantáneas de reputados artistas dos países de fala galego-portuguesa.

The contents of this page were updated on 11.27.2007.