Representantes de 134 centros de secundaria de toda Galicia coñecerán este mércores en Santiago as novidades do acceso á Universidade
O reitor Senén Barro presidirá este mércores, día 28, unha xuntanza con representantes de centros de ensino medio de toda Galicia coa finalidade de poñer en marcha o programa ‘A Ponte entre o ensino medio e a USC’ para este curso. A cita será á 11:30 horas no Centro de Estudos Avanzados e a ela tamén asistirá o coordinador do Programa, Luis Hervella.
Serán preto de douscentos os responsables e orientadores que asistirán á reunión, que representarán a 63 centros da provincia da Coruña, 44 de Pontevedra, 18 de Lugo e 9 de Ourense.
A xuntanza comezará coa presentación das accións previstas para este curso así como o debate e aprobación doutras novas que se poidan suxerir. Continuarase coa intervención do vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, na que avanzará as últimas novidades do novo espazo universitario de cara ás súa homologación europea.
Por último, os asistentes asistirán á explicación do profesor Bermejo, representante da USC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), sobre as Probas de Acceso á Universidade e o acceso á USC.