O vicerreitor Lourenzo Fernández, no comité executivo da Comisión Española Universitaria de Relacións Internacionais da CRUE
Na reunión do Plenario da Comisión Española Universitaria de Relacións Internacionais (CEURI) da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) elixiuse o seu novo comité executivo, do que formará parte o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto.
Na xuntanza, celebrada en Oviedo baixo a presidencia do reitor da UNED, foron elixidos xunto a Lourenzo Fernández as vicerreitoras de Relacións Internacionais da Universidade de Zaragoza e de Sevilla, o vicerreitor da Universidade Politécnica de Madrid e a responsable de Relacións Internacionais da Universidade Politécnica de Cataluña.
A CEURI, comisión sectorial da CRUE, funciona como rede integrada das Universidades españolas, públicas e privadas, coa finalidade de coordinar as distintas actividades no campo das relacións internacionais universitarias, desenvolver mecanismos específicos para a transmisión inmediata de información, e intercambiar e promover contactos entre universidades españolas e outras institucións nacionais e internacionais.