Skip to main content

O reitor Senén Barro inaugura en Ribeira a mostra Tapiès-Miró

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, inaugura este venres 30 ás 19:00 horas no Museo de Artes de Gravado e a Estampa Dixital de Ribeira a mostra Tapiès-Miró. No acto estarán presentes o alcalde da vila coruñesa, José Luis Torres Colomer, e o director do museo, Javier Expósito.
Coa mostra Tapiès-Miró preténdese dar a coñecer a obra destes grandes xenios cataláns, representantes de dous dos movementos artísticos máis significativos do século XX como son o surrealismo de Miró e o informalismo de Tapiès. Ambos os dous abordan o gravado co mesmo espírito co que desenvolveron outras técnicas, xa fose pintura ou escultura.
Miró e TapiesPara Miró o gravado era “un medio de liberación maior, de expansión, de descubrimento”. Este autor iniciouse tardiamente nesta técnica, aínda que hoxe se conta cunha produción inxente de obra gráfica, xa sexan estampas ou libros ilustrados. O seu achegamento debeuse probablemente ao seu afán de buscas de recursos, ao desenvolvemento de novas inquedanzas artísticas e ao desexo de experimentar con novas materias, adquirindo a súa obra gráfica cada vez mais importancia co paso dos anos, e abordando distintas técnicas: litografía, carteis... que lle levarían nos seus anos finais á creación do seu propio taller de gravado en Son Boter.
Pola súa banda, Antoni Tapiès enfatiza na súa obra pictórica o valor dos materiais, forzándoos mediante rachaduras, engurras do soporte, co uso de papeis de texturas moi marcadas... Estas características lévaa tamén aos seus gravados, transgredindo as técnicas calcográficas tradicionais, logrando así obras de gran expresividade. A produción gráfica tapiniana ten unha entidade propia, fundamentada na busca rigorosa dos elementos específicos do soporte, os matices expresivos do papel ou do cartón, sobre a súa capacidade insinuadora e de contención ou sobre a fraxilidade e contundencia que estas obras ofrecen.

The contents of this page were updated on 11.30.2007.