A USC, sede dun ciclo de conferencias sobre a muller como elemento innovador da Ciencia organizado pola Sociedade de Matemática
A USC será unha das cinco sedes españolas nas que a Comisión Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española (RSME) desenvolva un ciclo de conferencias sobre a muller como elemento innovador da Ciencia. En Santiago, as charlas serán na Facultade de Matemáticas entre os días 14 e 19 de decembro.
As actividades organizadas pola RSME están orientadas a transmitir a importancia da Ciencia como elemento imprescindible na vida cotiá, facendo ao mesmo tempo unha aposta por visualizar a investigación realizada por mulleres. En concreto, o programa contempla un ciclo de conferencias en cinco sedes en diferentes comunidades autónomas impartidas por mulleres en torno á investigación sobre Matemáticas e as súas aplicacións. Por outra banda, elaborarase material didáctico que se exporá durante a celebración dese ciclo e que se reutilizará en posteriores actividades organizadas por centros de secundaria u organismos interesados en expoñelos.
Programa do cicloAs conferencias, cuxa asistencia convalidarase con 1 crédito de libre configuración, comezarán o 14 de decembro coa intervención da divulgadora científica Susana Mataix sobre a muller como elemento innovador na historia das matemáticas. Seguiralle o día 17 a profesora Aia Rodríguez, do IES de Salvaterra do Miño, e a profesora da USC Elena Vázquez, que darán conta de experiencias innovadoras na investigación matemática.
Xa o día 18 será a quenda da profesora da Universidade da Coruña Ana Dorotea Tarrío que disertará sobre María Wonenburger, para rematar o día 19 coa participación de Vicrotia Toro, do Museo da Ciencia de Valladolid, e unha mesa redonda.