Skip to main content

O reitor clausura o programa de actos da celebración dos 15 anos da Facultade de Ciencias e os 35 do Colexio Universitario de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, clausura este venres 23 o programa de actos da celebración do XV aniversario da fundación da Facultade de Ciencias, que coincide cos 25 anos de inauguración do edificio que ocupa actualmente e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo.
A clausura do evento terá lugar no Salón de Actos da Facultade, ás 12:30 horas. O reitor estará acompañado polo director xeral de Universidades, José Ramón Leis Fidalgo; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, e o decano do centro, Francisco Fraga López.
Na Facultade de Ciencias desenvolvéronse dende o luns unha serie de conferencias e xornadas para festexar esta tripla conmemoración, na que participaron numerosos catedráticos de gran prestixio de diversas especialidades das distintas universidades do Estado. A finalidade deste programa é, como salientou o decano na inauguración, “que as facultades sexan non só centros de ensino, senón lugares de desenvolvemento cultural para toda a sociedade en xeral”.
O ciclo de conferencias iniciouse o propio luns con Carlos Pajares Vales, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago e que ocupou o cargo de reitor dende 1984 a 1990, cunha visión da física e química dende un punto de vista divulgativo. Rematarán o venres, ás 12:45 horas, coa intervención de Manuel Bao Iglesias, catedrático de Enxeñaría Química da USC e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias, que falará do papel do enxeñeiro químico no deseño e desenvolvemento dun proxecto industrial.
Nos relatorios ofrecéronse diferentes perspectivas das ciencias, con intervencións técnicas e outras máis divulgativas. Dentro do programa figuraban tamén varias conferencias de especialistas da Facultade de Humanidades, como Jesús Varela Zapata, Ángeles Rodríguez Fontela, Claudio Rodríguez Fer e Antonio Rodríguez Colmenero.
Física e química espectáculoDentro do programa, as dúas xornadas de física e química recreativa, que se celebraron polas tardes, acadaron un importante éxito de público, con preto de 150 persoas en cada unha delas. Entre os asistentes estiveron tanto alumnos universitarios como estudantes de centros de ensino de Primaria e Secundaria da cidade.
A primeira destas dúas sesións estivo a cargo de Miguel Ángel Cabrerizo Vílchez, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada e Premio Internacional da Comunidade Económica Europea en Física Recreativa. A segunda foi conducida por Julio Seijas Vázquez e José Crecente Campo, profesor e investigador, respectivamente, da Facultade de Ciencias lucense.
Estas dúas xornadas tiñan o obxectivo de achegar a todos os públicos a física e a química e a súa aplicación á realidade cotiá coa realización de experimentos sinxelos pero espectaculares, que normalmente teñen unha explicación teórica complexa pero a súa demostración práctica resulta fácil de comprender.

The contents of this page were updated on 11.22.2007.