Skip to main content

O Grupo de Sistemas Intelixentes da USC organiza unha xornada sobre o web 3.0

Investigadores do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC organizan a vindeira semana, o mércores 28, unha xornada que afondará nas novas tendencias na web e máis concretamente no Web 3.0.
No encontro participan especialistas e as empresas que na actualidade manteñen posicións punteiras no desenvolvemento das tecnoloxías web, presentando proxectos de investigación e innovación neste eido e facendo un percorrido polas oportunidades que ofrece o programa da Sociedade da Información da Xunta de Galicia.
O programa deste encontro, que se vai celebrar no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago, comezará ás 10:00 horas coa presentación das xornadas. Deseguido comezará a quenda de intervencións coa presenza de Jesús Contreras, da empresa iSOCO, para falar sobre a web semántica. Ás 11:30 horas, Carlos Iglesias, de Germinus-Gesfor, presentará unha intervención sobre web 2.0 ao que lle seguirá Jaime García, de Atos Origin, para analizar o web 3.0.
A coordinadora do Ontology Engineering Group da Universidade Politécnica de Madrid, Asunción Gómez, reanudará o encontro ás 16:00 horas para presentar o relatorio ‘Aplicacións da web 3.0: Proxecto Geobuddies’. Antonio Pérez Casas, da Consellaría de Innovación e Industria, proseguirá o programa para explicar as novas oportunidades que ofrece a Sociedade da Información en Galicia. A xornada rematará coa celebración a partir das 18:00 horas dunha mesa redonda con todos os participantes na xornada.
As persoas interesadas en acadar máis información poden visitar a páxina web http://www.gsi.dec.usc.es/web3.

The contents of this page were updated on 11.22.2007.