Xeógrafos da USC realizarán os atlas dixitais interactivos dos concellos da provincia de Pontevedra

O grupo de investigación que dirixe o profesor de Análise Xeográfica Rexional, José Ramón Chantada Acosta, vai realizar nos vindeiros doce meses os Atlas dixitais interactivos dos concellos da provincia de Pontevedra. Unha primeira mostra deste traballo presentouse este venres na sede da Deputación Provincial de Pontevedra onde o reitor da USC, Senén Barro, e o presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, asinaron un convenio de colaboración que regula esta iniciativa.
O proxecto inclúe a elaboración de 62 atlas que abranguerán os máis de 6.000 núcleos de poboación da provincia e as 606 parroquias individualizadas en ortofotos. A obra basearase nas imaxes dixitais raster de fotogramas (en formato ECW) do século XXI facilitadas polo director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) Edelmiro López Iglesias.
Estes núcleos representaranse de xeito individualizado a escala 1:4.000, o que permite ver dun modo uniforme todos os asentamentos e os elementos do espazo xeográfico que enmarcan calquera núcleo no territorio. Ademais, cada unha das vistas acompañarase de mapas que indicarán a posición relativa de Galicia en Europa, a do concello en Galicia, a parroquia no concello e a do lugar exacto respecto do resto dos núcleos da parroquia.
Para unha maior precisión das localizacións, acompañaranse os atlas con copia do mapa dixital de escala 1:5.000 da Xunta da Galicia facilitado pola Consellaría de Ordenación do Territorio e Política Territorial con máis de 5.000 arquivos correspondentes a cada unha das follas do mapa en formato vectorial.
O atlas presentará tres apartados con listas de datos estatísticos de todos os lugares reflectidos. No primeiro apartado os núcleos por orde alfabética no concello, no segundo ordenados no concello segundo o seu volume de habitantes e finalmente alfabeticamente por parroquias. Para a súa elaboración, os datos procederán da última publicación do Padrón de habitantes feita polo Instituto Nacional de Estatística.
Toda a información dixital será procesada para a súa presentación en formato PDF de Acrobat de forma interactiva a partir de individualizacións das imaxes núcleo a núcleo, dispoñendo todas as páxinas de botóns de navegación.