As tres universidades galegas e as consellarías de Educación e de Economía constituirá o vindeiro ano un grupo de traballo para a reformulación do Plan de Financiamento do SUG
As consellarías de Educación e de Economía xunto coas tres universidades galegas constituirán a comezos do vindeiro ano 2008 un grupo de traballo que se encargará da reformulación do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) co obxectivo de adaptar o escenario financeiro á nova realidade que supón a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a construción do Espazo Europeo de Investigación.
O anuncio realizouno a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, no transcurso dun acto de sinatura coas tres universidades de dous convenios de colaboración para o recoñecemento da actividade investigadora e o desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas, así como unha addenda a un convenio de colaboración para impulsar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. No acto estiveron presentes os reitores das Universidades de Santiago, Senén Barro, e Vigo (UVIGO), Alberto Gago, así como o vicerreitor de Estratexia e Planificación Económica, Ángel Fernández Castro.
Respecto da reformulación do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG), Laura Sánchez Piñón indicou que se prevé que as negociacións estean rematadas en xuño de 2008, polo que os orzamentos de 2009 xa contemplarán a nova dotación do Plan de Financiamento. O cambio se realizará tendo como horizonte temporal o ano 2013, para acompañar o proceso de implantación do EEES, e tendo como obxectivo investir en educación superior algo máis do 1% do Produto Interior Bruto (PIB). No seu conxunto, este sistema de financiamento estará asociado á consecución de obxectivos e indicadores de rendemento, consolidando os principios de calidade, eficiencia e rendemento de contas inherentes a todo servizo público moderno e estratéxico como é o SUG.
Intensificación da función investigadoraEn canto á sinatura dos convenios, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria destina 1,5 millóns de euros no marco do acordo de colaboración para o recoñecemento da actividade investigadora nos planos de organización docente (POD). Deste total, a Universidade da Coruña percibirá 350.625 euros, a Universidade de Santiago de Compostela un total de 757.500 euros, e a Universidade de Vigo 391.875 euros.
O convenio pretende contribuír á intensificación da función investigadora, dando continuidade ás medidas iniciadas a través do Programa I3 (modalidade de intensificación) e xerando novos modelos de organización docente no SUG nos que se incentive a incorporación de novo profesorado con perfil marcadamente investigador e favorecer a incorporación de investigadores novos.
Pola súa banda, as universidades deberán asumir a acreditación do programa propio para o recoñecemento de créditos por méritos de investigación, e certificación correspondente dos créditos recoñecidos para o curso 2007-2008.
Infraestruturas científico-tecnolóxicasPolo segundo dos convenios asinados, as universidades galegas recibirán da administración autonómica dous millóns de euros destinados ao desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas e servizos xerais de apoio á investigación. Deste total, a Universidade da Coruña recibirá 510.919 euros, a de Santiago de Compostela 878.555, e a de Vigo 610.527 euros. Estes importes destinaranse a cubrir gastos de persoal e á adquisición de novo equipamento e gastos de mantemento dos Servizos de Apoio á Investigación.
O convenio contempla entre os seus obxectivos promover unha xestión eficiente e sostible en canto á consolidación, dotación e mantemento das infraestruturas e servizos científico-tecnolóxicos de cada universidade galega; propiciar a coordinación das actuacións das tres universidades neste ámbito, optimizando o gasto e a xestión das infraestruturas, mediante o desenvolvemento dunha oferta de servizos integrada; e promover o desenvolvemento dun marco organizativo común para o conxunto de Servizos e Infraestruturas de Apoio á Investigación das distintas universidades.
Espazo Europeo de Educación SuperiorPor outra banda, os reitores e a conselleira de Educación asinaron unha addenda a un convenio de colaboración subscrito en decembro de 2006 co fin de potenciar a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).
As actividades a realizar polas universidades galegas neste senso terán como obxectivo a realización dun proxecto que contribúa á súa adaptación ao EEES. Ademais, terán que formularse estratexias concretas e actividades conducentes á implantación do principais elementos do Proceso de Bolonia.
A conselleira de Educación salientou tamén que nos orzamentos do 2008 se incorpora no financiamento universitario unha nova dotación para o desenvolvemento de 2 novos Contratos programa por un importe total de 7 millóns de euros orientados ao desenvolvemento dos obxectivos da plena implantación do EEES; á implantación da función investigadora na conformación da plantilla das universidades galegas; e á consolidación e coordinación dos servizos xerais de apoio á investigación do SUG.