Tres estudantes fixéronse cos premios do Concurso de Debuxo e Pintura '150 aniversario da Facultade de Farmacia'
O xurado do Certame de Debuxo e Pintura ‘150 aniversario da Facultade de Farmacia’, deu a coñecer os gañadores do concurso, ao que se presentaron un total de 42 cadros de diferentes estilos e formatos e de temáticas diversas. Na presentación dos gañadores estiveron presentes o vicerreitor de Cultura, Elías Torres; o decano de Farmacia, José Miñones Trillo; o de Administración e Dirección de Empresas, José Díez de Castro, e o catedrático de Química Orgánica Alfonso Castiñeiras Campo, como secretario do xurado.
O xurado acordou declarar deserto o primeiro premio na categoría de debuxo e conceder o segundo, dotado con 500 euros, a Cristina Ramírez Rodríguez, de Ferrol, pola súa obra titulada ‘Pestanexo’.
Na categoría de pintura, obtivo o primeiro premio o traballo ‘No camiño novo’, de María del Carmen Rivas Fraga, residente en Santiago de Compostela. Este premio está dotado con 1.500 euros. O segundo, de 750 euros, correspondeu a Beatriz Suárez Saá, de Santiago, polo seu traballo ‘¿Simplemente ficción?’.
O xurado estivo composto polo decano da Facultade de Farmacia como presidente, o catedrático Alfonso Castiñeiras Campo como secretario e de vogais actuaron Javier Vilariño Pintos, Carlos García Martínez e Manuel Nieto García.
Na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo permanecen expostos os traballos que optaron ao concurso dende o pasado día 22. Os cadros estiveron antes na sala de exposicións do Hotel Aragüaney de Santiago. A mostra pode visitarse ata o venres 30 no vestíbulo da facultade luguesa, entre as 9:00 e as 21:00 horas.